O Concello de Vilagarcía solicita unha subvención a parques nacionais para actuacións no saneamento
A Xunta de Goberno Local aprobou a proposta da Concellería de Medio Ambiente de solicitar unha subvención a Parques Nacionais para financiar actuacións de mellora na rede de saneamento local. A suma solicitada ascende a 18.000 euros e enmárcase na convocatoria de axudas financiadas polo Estado e que se conceden ás áreas de influencia socioeconómica do Parque Nacional marítimo Terrestre das Illas Atlánticas do que forman parte a illa de Cortegada e o arquipélago das Malveiras.
Cos cartos solicitados preténdense levar a cabo tres actuacións de mellora na rede de sumidoiros e que veñen a completar outras realizadas con anterioridade con esta mesma finalidade. A primeira é a obra de modificación da entrada ao cestón de filtración de residuos sólidos e de mellora da maquinaria do bombeo da zona da Praza. A segunda e a reforma da estación de bombeo de augas residuais da Rúa regueira e a última é a construción doutros tres cestóns para colocar en puntos da rede de saneamento que soen rexistrar problemas de atascos debido á introdución nas tuberías de follaxe e tamén pola mala utilización da rede que fan moitos usuarios ao botar polos váteres e desaugues materiais e obxectos indebidos que obturan os colectores e avarían a maquinaria co conseguinte desbordamento das augas residuais.
Con esta actuación, o Concello pretende dar un paso máis na súa política de saneamento integral acabando cos puntos negros ou máis conflitivos respecto a aparición de verquidos. A consecución deste obxectivo será impulsada de xeito importante coas actuacións que tamén realizará a Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de saneamento Integral de Vilagarcía que xa elaborou e que presentará en breve.











