O Concello de Teo remata a execución de varias obras do POS por un importe de preto de 250.000 euros
O Concello de Teo vén de rematar a execución de varias obras de asfaltado nas últimas semanas, pertencentes ó POS 2013 e ó POS adicional 2012. O importe das tres obras máis recentes achégase ós 250.000 euros e foron realizadas en Calo e Recesende.
Segundo explica o edil de Servizos Básicos, Xurxo Francos, a obra máis destacada pola súa complexidade técnica e polo propio entorno é o acondicionamento da pista entre o cruceiro de Francos e a ponte de Paradela. Nesta obra fíxose unha parten en aglomerado e outra parte central en formigón. “É unha obra que tivo que contar con indicacións de Patrimonio por pasar polo entorno do cruceiro de Francos e pola carballeira, polo que nesa zona se acordou coa Xunta facer a actuación en formigón, establecendo una senda lateral nun formigón máis rugoso” destaxa o edil. A obra realizouna a empresa Iglesias Mera e tivo un custe de 94.300 euros.
Recentemente tamén se asfaltou o camiño da Lamela na parroquia de Calo. Unha obra de 34.182 euros que executou Martínez Montes. Esta firma tamén realizou os traballos de acondicionamento do vial entre Recesende e Catro Camiños, cun importe de 117.733 euros. Esta estrada é de paso entre a zona da Ramallosa, Cacheiras, Calo e Recesende, polo que ademais de dar servizo evidente aos veciños da parroquia pola que pasa é un viario moi utilizado no interior do Concello.
As obras do POS son aprobadas en pleno e acordadas por consenso de todas as forzas políticas con representación na corporación teense.











