O Concello de Teo pon en marcha a nova campaña do banco de libros municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo pon en marcha a nova campaña do Banco de libros municipal de cara ó curso 2013/14. Esta iniciativa púxose en funcionamento no verán pasado e dende a Concellaría de Educación, dirixida por María Álvarez Garea, agardan “que este curso teñamos un maior número de familias doadoras e poidamos tamén satisfacer unha maior demanda”.

As persoas interesadas en entregar libros poden facelo entre o 25 de xuño e o 5 de xullo en horario de 09:30 ás 13:30 horas na Aula de informática, situada no CSC da Ramallosa. Os días 26 e 27 de xuño tamén se poderán facer entregas pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas. As doazóns deben ser de libros de texto usados nos colexios públicos do Concello que sexan válidos segundo as listas de libros do curso 2013/14. Deben estar en bo estado de conservación. Para estas entregas quedan excluídos libros que se utilicen como cadernos ou nos que se escriba, moi habitual nos volumes de Educación Infantil e nalgúns de primeiro ciclo de Primaria. Cando se fai a entrega hai que presentar unha ficha cos datos persoais e a lista dos libros. Esta ficha, que é igual para facer doazóns que para solicitar libros xa se pode descargar da web municipal www.concellodeteo.com

As persoas que soliciten o préstamos de libros deben facer a petición presentando a ficha e seralles notificado a partir do 9 de xullo a data e o horario de entrega dos libros. Poden doar e/ou solicitar familias con fillos/as escolarizados nos centros públicos do Concello. As persoas que reciban libros deben ademais comprometerse a devolvelos ó remate do curso en bo estado.

Para seleccionar ás familias demandantes terase en conta en primeiro lugar as familias que conten cun informe de Servizos Sociais que aconselle o préstamo. Despois atenderase por prioridade as unidades con máis puntos tendo en conta que as familias que doaran libros recibirán un punto por cada libro de texto entregado e as familias con máis dun fillo/a tamén terán  un punto por cada fillo. A continuación atenderase o resto das unidades familiares.

O Banco de libros municipal en Teo púxose en marcha no verán do 2012. Nesa primeira campaña recibíronse 62 libros válidos, todos eles entregados a familias que o solicitaron. Estas entregas beneficiaron a 19 familias e non se puideron atender dúas demandas por non dispoñer do material solicitado. María Álvarez Garea agarda que este ano melloren estas cifras “porque o banco xa é máis coñecido ó funcionar o ano pasado e porque neste curso cambian menos libros de texto”.

O Concello pretende con esta iniciativa varios obxectivos entre os que destacan: apoiar economicamente ás familias reducindo os gastos asociados á escolarización; sensibilizar á comunidade educativa no coidado e reutilización dos libros de texto, como medida de respecto ó medio ambiente e como valor social e xerar actitudes solidarias.

13 de xuño de 2013 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.