O Concello de Teo homenaxea a figura de Marisa Mirás dándolle o seu nome á Casa Común de Calo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalTeo
A-
A+

O Concello de Teo realiza a súa particular homenaxe a Marisa Mirás mañá coa colocación da placa que lle da o seu nome á Casa Común de Calo. Este sábado 22 realízase o acto institucional dando cumplimento ó acordo plenario do mes de marzo no que todas as forzas políticas da corporación teense aprobaron por unanimidade esta distinción.

A proposta de nomear a antiga escola de Calo co nome de Marisa Mirás levouse a pleno a petición da Comisión organizadora da homenaxe á Marisa Mirás Gómez. As razóns que xustifican este recoñecemento foron o labor social e cultural realizado por esta muller ó longo da súa vida na parroquia de Calo así como o seu compromiso público na defensa dos intereses colectivos.

O acto público na antiga escola de Calo realízase mañá 22 de xuño ás 13:00 horas e durante o mesmo a edil Carme Hermida lerá o acordo plenario polo que se acordou darlle o nome Marisa Mirás Gómez a este local municipal. A continuación farán unha breve intervención os voceiros dos grupos municipais e o alcalde de Teo, Martiño Noriega. Despois de descubrir a placa pechará o acto cunha intervención unha persoa da familia da homenaxeada.

Carme Hermida explicaba na sesión plenaria de marzo que “na figura de Marisa Mirás concorren unha serie de méritos que a fan merecente desta homenaxe”. “Foi unha persoa que constitúe un exemplo de compromiso social, un exemplo de compromiso profesional, un exemplo decompromiso vital e un exemplo de superación persoal” destacaba a concelleira de Cultura.

Pola tarde continuará a lembranza a esta figura de Calo falecida hai dous anos co acto central impulsado pola comisión organizadora da homenaxe no CSC da Ramallosa ás 19:00 horas. Esta emotiva xornada pecharase cunha cea na explanada situada ó carón da escola infantil municipal de Calo.

Colaboran na organización da homenaxe a Marisa Mirás Gómez o Concello de Teo, a Sociedade Recreativa de Calo e a Asociación para a recuperación da memoria histórica A Oliveira de Teo.

21 de xuño de 2013 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.