O Concello de Santiago felicita ao grupo PREMIR pola súa elección como centro asociado pola Universidade de Oxford
A concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez Iglesias, asistiu á presentación do Instituto Superior Universitario, unha nova entidade pertencente ao grupo PREMIR que ofertará formación universitaria da man da UCAM e da Universidade de Oxford. Na rolda tamén estiveron Rosa Álvarez Vázquez, directora do Grupo PREMIR; Miguel A. Martí Escolano, director de Marketing da UCAM; James Orange, promotion manager da Universidade de Oxford; e Antonio R. Sánchez Crespo, director do Instituto Superior Universitario. Rebeca Domínguez comezou a súa intervención dándolle os parabéns ao grupo PREMIR por ser elixido pola Universidade de Oxford como o primeiro centro asociado en Galicia, feito “ilustrativo do prestixio obtido mediante o traballo de ano”. “É para min un orgullo, como membro do goberno da cidade de Santiago, ver que a consolidación e expansión dunha empresa compostelá se fai realidade, e máis en tempos difíciles como os que nos toca vivir”, engadiu.
A concelleira valorou a achega de PREMIR á oferta educativa da cidade e, en particular o novo proxecto presentado, que cualificou como “un proxecto pioneiro no que a formación universitaria on line se refire. Unha idea que, estou segura, dará facilidades aos mozos, e non tan mozos, que elixan formarse a distancia desde calquera das sete cidades galegas”.











