O Concello de San Sadurniño promove un plan de emprego con recursos propios que lle dará traballo a 8 persoas ata finais de ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSan Sadurniño
A-
A+

Os traballos que se desenvolverán serán a ampliación do ximnasio municipal, a adecuación dos baños do local social de Lamas para que cumpran coa normativa de accesibilidade, a construción de dúas casetas e grellas para este mesmo local e para o do Camiño Arriba, o acondicionamento do aparcadoiro do cemiterio de Santa Mariña do Monte e, por último, tamén se intervirá na reposición de elementos ao longo de 10 quilómetros de vías municipais. Investimentos que, na súa maioría, foron demandas veciñais plasmadas nas xuntanzas dos orzamentos participativos de 2013.

Para levar a cabo este proxecto -cifrado en 88.200 euros- precisaranse dous albaneis, un carpinteiro ou carpinteira, tres peóns da construción e un auxiliar administrativo, que accederán a un contrato de seis horas diarias durante seis meses.

A selección de persoal farase solicitándolle os perfís necesarios ao servizo público de emprego, de xeito que todas as persoas deberán cumprir o requisito básico de estar no paro. A partir de aí farase unha baremación en base á experiencia e á situación socioeconómica. 

O Concello pretende garantir unha contratación na que haxa equilibrio entre homes e mulleres. Así priorizarase a contratación de mulleres e, en especial, aquelas que fosen vítimas de violencia de xénero. Por outra banda tamén terán prioridade na preselección as persoas menores de 30 anos demandantes de primeiro emprego;as persoas paradas de longa duración ou maiores de 45 anos; os desempregados que esgotasen as prestacións e subsidios, así como as persoas  integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social. Xunto coa baremación destas situacións tamén se terá en conta que as persoas aspirantes teñan cónxuxe ou fillos ao seu cargo. Por último, o proceso de selección tamén inclúe a realización dunha entrevista persoal.

Ademais de ter un traballo durante seis meses, as persoas que accedan ao plan de emprego tamén obterán formación complementaria ofrecida polo departamento de orientación laboral e pola aula da rede CeMIT, de xeito que o programa tamén contribuirá á mellora da empregabilidade.

O Concello de San Sadurniño vinculou a mellora de infraestruturas municipais cun plan de emprego xa que, tal e como asegurou o alcalde, “as administracións públicas de proximidade deben tomar conciencia do problema social existente por causa da crise e debemos impulsar iniciativas que solucionen, ou polo menos reduzan, as súas consecuencias negativas”. Para Secundino García, o proxecto servirá para levar adiante actuacións “que son necesarias e redundarán na mellora da calidade de vida do conxunto da poboación, así como na xeración de oito postos de traballo temporais que aliviará a situación económica das persoas contratadas e das súas familias”.

O plan de emprego levarase a cabo integramente con recursos municipais debido á “boa saúde financieira do Concello de San Sadurniño, e nomeadamente o superávit orzamentario conseguido no ano 2012”. As obras recollidas no proxecto técnico desenvolveranse por administración: o Concello contratará o persoal e adquirirá todos os materiais necesarios baixo a supervisión da arquitecta municipal. O sistema é o mesmo que se emprega na rehabilitación das antigas escolas unitarias de Bardaos e Naraío para convertelas en vivendas. Alí traballan catro operarios contratados polo mesmo procedemento, de maneira que entre un e outro programa o Concello estará dándolle un emprego temporal a un total de 12 persoas.

12 de xuño de 2013 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.