O Concello de San Sadurniño pecha ata despois do verán o Tempos para compartir
Este sábado celebrouse na parroquia de Lamas o último obradoiro de Tempos para compartir ata despois do verán. A artesá local Xela Barro mostrou como preparar marmeladas de froitas diante dunha vintena de asistentes que, nalgúns casos, propuxeron novos temas para cando se retome o programa xa no mes de outubro. Tempos para compartir é unha iniciativa municipal que se desenvolve unha vez ao mes e de forma itinerante polas parroquias de San Sadurniño. O seu obxectivo: compartir saberes e tamén tempo de lecer.
Xela Barro é unha veciña de San Sadurniño que se postulou como mestra voluntaria dentro do programa Tempos para compartir. A súa especialidade é a artesanía cerámica e con coiro. Porén tamén ten experiencia na cociña e así o demostrou este sábado no local social de Lamas preparando gorentosas e doces marmeladas de froitas.
Ao obradoiro asistiron 22 persoas, que puideron seguir o proceso de preto e paso a paso. Xela explicou como preparar a froita, as cantidades de azucre, os tempos de cocedura e os coidados que cómpre ter cun produto sinxelo de elaborar pero tamén delicado. Os participantes aproveitaron a ocasión para solventar dúbidas, como por exemplo a posibilidade de empregar a estevia -un edulcorante natural moi de moda- en vez do azucre ou sobre o mellor xeito de conservación. Porén, tamén presentaron propostas de novos obradoiros. Así, as persoas participantes mostraron interese por que se imparta un Tempos… sobre a elaboración de marmelo e outro sobre como preparar cabelo de anxo.
Ao remate do obradoiro houbo a proba das marmeladas preparadas -fresa, laranxa e piña- co acompañamento de freixós feitos por Belucha Tuimil, outra veciña que xa participara con anterioridade como docente de repostería no Tempos para compartir.
Cadrando coa chegada do verán e das múltiples festas patronais que hai na volta, o Concello decidiu interromper o programa ata o primeiro sábado de outubro. Tempos para compartir comezou o ano pasado como experiencia piloto e “consolidouse como unha cita obrigada todos os primeiros sábados de mes para moita xente”, tal e como indica a concelleira de Educación e Igualdade Ana Belén Bereijo. Segundo asegura, o programa municipal “cubre todas as súas prazas aos poucos días de lanzarse cada convocatoria e nalgúns casos incluso houbo que organizar dúas quendas de asistentes”. A concelleira quixo agradecer tamén “o labor desinteresado” das persoas que participan como docentes destes pequenos obradoiros gratuítos a medio camiño entre o lecer e o intercambio de coñecementos.











