O Concello de Ponte Caldelas colaborará cos veciños da Insua na celebración da “Festa do Neno”
O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, recibiu unha delegación veciñal da parroquia da Insua coa que repasou diferentes temas de interese para os residentes na zona. Froito do encontro, o rexedor municipal comprometeuse a colaborar na tradicional celebración da Festa do Neno, que terá lugar o próximo sábado 8 de xuño no lugar de Carreira Ancha.
Así, operarios municipais procederán nos próximos días a realizar labores de limpeza e acondicionamento do lugar de Carreira Ancha co fin de poder acoller en condicións a celebración deste evento parroquial.
Por outra parte, o Alcalde comprometeuse a colaborar con achega de material e maquinaria nos traballos de mellora e reparación da canalización dunha antiga presa existente na parte posterior do Centro Cultural da Insua, obras que serán acometidas con colaboración veciñal.
A mala situación na que se encontra a vella canalización provoca enormes perdas de auga que xeran problemas no ámbito polo que discorre.
Así mesmo, o Alcalde Perfecto Rodríguez aproveitou o encontro cos representantes veciñais para confirmalos que o Concello instalará un parque biosaludable que será situado na zona de Carreira Ancha, tal e como aprobaron os veciños desta parroquia nunha recente asemblea celebrada para tratar, entre outros temas, o da colocación destes aparatos de ximnasia de mantemento.
Finalmente, Perfecto Rodríguez accedeu á petición da comisión veciñal de que o Concello colabore na adquisición dun televisor para favorecer o equipamento e dotación do Centro Cultural da Insua, lugar de encontro e reunión parroquial.











