O Concello de Ponte Caldelas afronta a limpeza e posta en valor da área arqueolóxica de Tourón para a tempada estival

Visita dos alumnos canarios
Operarios do Concello de Ponte Caldelas procederon á limpeza e posta en valor do ámbito comprendido pola Área Arqueolóxica de Tourón ao tempo que reparaban diverso mobiliario urbano existente na zona. Tamén se procedeu restablecer a subministración de auga e a revisar as canalizacións existentes.
A Área Arqueolóxica de Tourón conta cunha aula de interpretación permanente atendida por unha técnica municipal que facilita a visita guiada a todo o conxunto rupestre. Para concertar visitas o Concello de Ponte Caldelas habilitou o teléfono móbil 671 58 58 51.
Ademais de visitas individuais á Área Arquelógica de Tourón tamén se desenvolven iniciativas de promoción e divulgación da arte rupestre entre a colectividade escolar. Así, en datas recentes alumnos do Colexio de Noalla (Sanxenxo) e do Instituto de Moaña percorreron as principais localizacións onde se sitúan auténticas xoias da arte rupestre galega.
ALUMNOS DE GRAN CANARIA VISITARON A ÁREA ARQUEOLÓXICA DE TOURÓN
No día de hoxe alumnos de 6º de Primaria do Colexio Piragüilla de Gran Canaria, en viaxe de fin de curso por Galicia, aproveitaron a súa estanza na Comunidade Autónoma para visitar tamén a Área Arqueolóxica de Tourón a pesar de que a chuvia e a intensa néboa impediron un axeitado desfrute do recinto rupestre.
Esta visita prodúcese dentro do programa desenvolvido polo Concello de Ponte Caldelas, entre os centros escolares da provincia, para a divulgación e posta en valor da Área Arqueolóxica de Tourón un dos elementos máis importantes dentro da arte rupestre en Galicia e que conta cunha aula de interpretación e un depósito perfectamente conservado, sinalizado e comunicado para facilitar a visita e comprensión dos gravados existentes.
A visita guiada, que estivo dirixida por unha técnica municipal, iniciouse no centro de interpretación onde os alumnos puideron ver, a través dun vídeo, unha pequena introdución sobre a etapa prehistórica que ían coñecer e os elementos máis característicos do depósito.
Os rapaces realizaron o percorrido a pé facendo pequenas paradas nas cinco estacións rupestres para poder admirar e comprender a arte e a simboloxía dos nosos antepasados.
En Tourón, os alumnos consideraron diversos conxuntos de gravados en pedra, característicos da arte rupestre ao aire libre de Galicia composto por cazoletas, combinacións circulares, zoomorfos, trisqueles, esvásticas e o gran cervo con baleirado interior de Laxe dás Cruzamentos.
O percorrido discorre entre petroglifos sinxelos, como os círculos concéntricos con cazoletas interiores de Outeiro dá Forcadela a outros máis complexos como a grande escena de caza gravada en Nabal de Martiño.











