O Concello de Ourense únese á rede de entidades locais contra á violencia de xénero
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de onte a adhesión do Concello de Ourense ao protocolo de colaboración para establecer unha rede de entidades locais en contra da violencia de xénero e realizar outras accións de sensibilización social asinado entre a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). No mesmo acordo, a Xunta Local aprobou facultar ao alcalde de Ourense, Agustín Fernández, para a sinatura do documento de adhesión.
O obxecto deste protocolo é promover unha rede de entidades locais en contra da violencia de xénero, que se configurará como un instrumento que permita conseguir o seu rexeitamento social e institucional, sensibilizando á poboación e conseguindo a súa implicación e compromiso real con esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.
A rede de entidades á que se une o Concello de Ourense e a Secretaría Xeral de Igualdade colaborarán na consecución de 4 obxectivos fundamentais:
– Promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detección precoz de situacións de risco
– Mobilizar e implicar a toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero, fomentando unha actitude crítica, solidaria e comprometida fronte a situacións de maltrato.
– Fomentar o trato igualitario entre mulleres e homes
– Conseguir a tolerancia cero coas persoas agresoras.
Accións conxuntas de sensibilización
O Concello de Ourense e demais entidades locais da rede e a Secretaría Xeral, para conseguir unha maior efectividade dos recursos, procurarán desenvolver conxuntamente accións de sensibilización e prevención, de información e formación e de asistencia ás vítimas.
Tamén porán en marcha un espazo virtual de intercambio de información, experiencias e boas prácticas entre todas as entidades integradas na rede, que sirva como plataforma aglutinadora de experiencias e proxectos xeradores de coñecemento e bo facer para entidades e profesionais.











