O Concello de Ourense destinará unha parte do remanente de tesourería a investimentos productivos e un Plan de Emprego e Formación
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e o concelleiro de Economía e Facenda presentaron esta mañá, no Salón de Plenos do Concello, o resultado da liquidación do Orzamento Municipal do Concello de Ourense do exercicio 2012, xa remitido á Dirección Xeral de Planificación Económica da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Facenda, e que conta co visto bo dos informes dos técnicos municipais dos servicios económicos e intervención.
O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, expuxo que “o remanente de Tesourería é unha magnitude que nos da a posibilidade de realizar modificacións de crédito, á marxe do orzamento ordinario, para atender necesidades urxentes e prioritarias para os cidadáns”, o que unha vez fixado o teito de gasto polos servizos económicos municipais, servirá para cubrir tres obxectivos prioritarios: realizar inversións “urxentes e importantes no urbano e no rural, que impliquen un investimento productivo, e que den servicio aos cidadáns sen implicar novos custes”, reducir a débeda “o que nos dará un maior marxe de maniobra en orzamentos futuros” e realizar un Plan de Emprego e Formación dirixido a parados de longa duración e persoas en risco de exclusión social “para dar unha oportunidade a aquelas persoas que se atopan nunha situación complicada”.
Aprobada a liquidación, o Concello conta cun remanente de tesourería 27.499.748,38, cuxo destino, na parte que os servicios económicos estimen o teito de gasto, serán investimentos productivos, reducir a débeda e crear un plan de emprego e formación para persoas en risco de exclusión social.
Con respecto ao Plan de Emprego, Fernández matizou que “serán os servizos de Benestar Social os que redacten as bases do Plan, os seus requisitos, fins e formulación” e unha vez redactado se lle dará traslado aos axentes sociais e aos partidos da oposición, buscando o maior consenso posible e sempre dende o enfoque de “axudar aos cidadáns, aos veciños e veciñas de Ourense e darlles unha oportunidade para saír dunha situación complicada”, rematou o alcalde.
Os 27,5 millóns cos que conta o Concello en remanente, poñen de manifesto o seu bo estado económico, o que se reflicte nun menor endebedamento por habitante e maior aforro, permitindo ao Concello financiar gastos á marxe do orzamento ordinario e atender compromisos a curto e medio prazo.
Teito de gasto do remanente de tesourería
O remanente de tesourería é unha magnitude que reflicte a solvencia e capacidade económica da corporación local. O Concello cuantifícao tendo en conta 3 variables: dunha banda, os fondos líquidos municipais (33,3 millóns de euros), aos que se engaden os dereitos recoñecidos pendentes de cobro (24,5 millóns de euros), e aos que se deben descontar as obrigas pendentes de pago (9,2 millóns de euros). Segundo estes criterios, o Concello conta cun saldo de 48,6 millóns de euros, podendo dispoñer dun total de 27,5 millóns de euros, xa que o restante inclúense no concepto financiación afectada.
O remanente de tesourería positivo, e por encima de outras das principais cidades galegas coma Pontevedra (13 millóns de euros), Lugo (21,5 millóns de euros), Ferrol (5,8 millóns) ou A Coruña (18,7 millóns), permite confirmar o superávit orzamentario e a autonomía financieira do Concello, afrontando o vindeiro exercicio mantendo os servizos sociais e os investimentos necesarios para o desenvolvemento da cidade. Confírmase así a tendencia existente dende 2007, en liña co Plan Económico Financieiro municipal e manifestando a solvencia financieira, liquidez e contas saneadas da corporación local.
Confirmados estes datos, son os servicios económicos do Concello os que estimarán, segundo as obrigas e previsións municipais os que determinen cal é a cantidade da que pode dispoñer o Concello para os fins xa definidos. Unha vez determinada esta cantidade, ou “teito de gasto” o goberno municipal dará comezo a execución do gasto nos tres obxectivos prioritarios fixados.
O grao de execución do orzamento é o máis elevado dende o 2007
Vázquez Barquero suliñou, no referente á liquidación de 2012 que “no tocante aos ingresos o grao de execución foi do 82,89% e con respecto aos gastos do 78,98%, en ámbolos dous casos son os máis elevados dende o ano 2007”, dun volume orzamentario total de 125 millóns de euros (124.965,511 euros), integrado polo orzamento aprobado polo Pleno para o ano 2012 de 100,2 millóns de euros, máis as incorporacións de crédito derivadas do Remanente de Tesourería do 2011 e os remanentes de inversión en curso.
Segundo estas cifras, o Concello, que está a operar cun orzamento prorrogado con data a 1 de xaneiro de 94,6 millóns de euros, incorporando remanentes de inversión en curso de 11,6 millóns e modificacións de créditos derivadas de subvencións de 681.266 euros, o que fai un total de 106,9 millóns de euros.
Da análise do estado actual das contas municipais obtéñense datos relevantes coma un aforro neto de 10,5 millóns de euros, un remanente de tesourería positivo, vencellado á porcentaxe do 79% de execución orzamentaria, un 5% superior á mesma data do pasado exercicio, reflicten unha economía solvente e saneada.
Estes datos son posibles conxugando unha axeitada xestión dos ingresos públicos, a mellora continua da loita contra o fraude fiscal e a contención do gasto público, acompasando a execución do orzamento de ingresos, co de gastos, presentando ambos un grao de execución semellante ao final do exercicio.











