O concello de Lousame organizou unha visita guiada ao colexio para as familias de menores que comezarán á escola en setembro
Esta semana doce familias de Lousame con nenas e nenos de tres anos, que inician en setembro o seu primeiro curso escolar, tiveron a oportunidade de levar a cabo unha visita guiada polas instalacións da que vai ser a súa nova escola, o C.P.I. Cernadas de Castro de Lousame.
A actividade estivo organizada pola Concellería de Igualdade de Lousame. A finalidade desta actividade foi a promoción da conciliación familiar e laboral, facilitándolle ás familias o tránsito dos menores do ámbito familiar ao ámbito escolar.
Contou coa colaboración do director do centro, Francisco M. Quintela Romero, quen guiou o percorrido das familias polo centro, pasando polas aulas de Infantil, e seguindo co ximnasio, aula de música, biblioteca e co comedor, deixando para o final un rato de xogo libre na área de recreo do patio.
Na visita participaron un total de 26 persoas, entre pais, nais e menores. As familias asistentes mostráronse satisfeitas coa oportunidade de coñecer a escola por dentro e de poder plantearlle as dúbidas ao director. Pola súa parte os nenos e nenas aproveitaron a visita ao máximo observando todo con atención, e disfrutando do xogo no parque.











