O Concello de Lalín renderá o venres 28 de xuño unha homenaxe a Alfonso Sucasas polo seu primeiro cabodano
O Concello de Lalín renderá o próximo venres, 28 de xuño, homenaxe a un dos grandes das artes plásticas galegas, ao lalinense nacido na parroquia de Goiás, Alfonso Sucasas, Comendador do Cocido no primeiro Capítulo da Encomenda no 2000 e autor dos carteis da Feira nos anos 76, 79, 95 e 2000.
Será nun acto sinxelo e emotivo, con motivo do seu primeiro cabodano, que terá lugar no cemiterio antigo de Lalín onde está soterrado este ilustre lalinense e que terá lugar a partir das 19.15 horas da tarde, unha vez que remate a misa polo primeiro aniversario, que se celebrará ás 18.30 horas na igrexa parrroquial de Lalín. Así o consensuou a alcalde de Lalín, José Crespo, nun recente encontro mantido coa viúva do artista, María Espinosa; con José Luis Pedreira, avogado da viúva e no que tamén participou a concelleira de Cultura, María Álvarez.
Este acto entrañable, que pretende ser un recoñecemento do pobo de Lalín a este insigne pintor lalinense, abrirase e pecharase coa interpretación musical a cargo de Inara Vecbastika, profesora de violín do Conservatorio Profesional de Música de Lalín; abranguerá unha ofrenda floral e un recital poético de Luis González Tosar, poeta e amigo do finado que xa participou no funeral de Sucasas.
A reunión que Crespo mantivo coa viúva María Espinosa Borrego na tarde de onte, mércores, na Casa Consistorial serviu, ademais de para acordar os actos de homenaxe que se lle farán polo seu primeiro aniversario do falecemento, tamén para empezar a traballar nun proxecto para manter a memoria de Sucasas o máis viva posible e potenciar a esta gran figura das artes plásticas de Galicia.
O primeiro edil lalinense trasladou a María Espinosa a idea de empezar a traballar nun proxecto de revalorización da obra de Sucasas a máis longo prazo. Para tal obxectivo quedaron de ter unha reunión nos vindeiros meses na que se tentará que estea presente ademais de Crespo, Espinosa, Pedreira o marchante do artista, Acisclo Manzano para comezar a pergeñar o dito proxecto para potenciar a figura plástica de Sucasas.











