O concello de Frades inviste 56.000 euros na mellora das instalacións da piscina municipal de Papucín, que abrirá o 22 de xuño

Traballos de limpeza na piscina
O Concello de Frades investiu algo máis de 56.000 euros na mellora e humanización das instalacións da piscina municipal, situada na parroquia de Papucín. Un proxecto promovido polo Concello de Frades e subvencionado a través do AGADER que permitiu “unha renovación e ampliación das instalacións da piscina municipal das que poderán disfrutar os veciños e veciñas de Frades dende este sábado 22 de xuño”, explica Roberto Rey Martínez, alcalde de Frades.
Os traballos realizados durante os últimos días incluíron a ampliación da zona de céspede das instalacións, cuxo perímetro incrementouse significativamente. Outra das actuacións máis importantes foi a creación dunha zona de aparcamento asfaltada e a súa conexión directa coa piscina municipal. Un aparcamento que inclúe unha reserva de prazas para persoas con mobilidade reducida.
Saneamento da fraga
As actuacións de mellora tamén se realizaron no propio vaso da piscina, onde se renovou o enlosado do seu perímetro e se repararon os enreixados da área. Así mesmo, o Concello de Frades instalou un sistema de rego para a zona axardinada e colocou novos xogos no parque infantil e varios bancos na súa contorna. Roberto Rey adianta que “cando remate o verán faremos tamén unha actuación de saneamento e de recuperación da fraga desta contorna”. Unha actuación coa que o Concello de Frades pretende poñer en valor a riqueza ambiental da fraga que rodea a área recreativa na que está instalada a piscina de Papucín, a carón do río Gaiteiro.
Esta é a segunda gran actuación que se realiza na piscina municipal de Papucín nos últimos anos. En 2009, o Concello de Frades investiu algo máis de 93.000 euros do Fondo de Investimento Local para o Emprego para a construción dun novo vaso da piscina (cunha profundidade de 1,3 metros) e da primeira pista de pádel do municipio.
Día do Deporte
Unhas instalacións que se abrirán ao público este venres 22 de xuño, ás 15:00 horas, coincidindo co “Día do Deporte” no Concello de Frades. A entrada é de balde e as instalacións estarán abertas ata as 20:30 horas.
O Día do Deporte comezará ás 10:00 horas. O polideportivo municipal de Pontecarreira acollerá a Festa de Clausura das Escolas Deportivas Municipais, unha celebración que en Frades non se limita ás exhibicións deportivas (fútbol sala, mini basket, tenis de mesa e patinaxe) senón que tamén inclúe unha festa con inchables e cun circuíto de coches a pedais no que poden participar todos os rapaces e rapazas do municipio. Todos os participantes na festa, que conta coa colaboración altruísta do CPI Pontecarreira, recibirán un agasallo pola súa participación. Só é preciso anotarse no Concello (981 695 567) antes do 20 de xuño.











