O Concello de Frades entrega axudas para transporte e material escolar a 31 familias
O Concello de Frades entregou esta mañá as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2013-2014, dirixidas a un total de 31 familias do municipio. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “a todos nos gustaría que estas axudas fosen maiores pero os tempos son difíciles para todos e, cando menos, conseguimos manter a contía destas axudas e beneficiar ao mesmo número de familias que o ano pasado”.
Así, as axudas para o transporte escolar de alumnos e alumnas de Bacharelato ou de Formación Profesional mantéñense nos 150 euros por familia; mentres que as axudas para a compra de material escolar para alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria foron de 70 euros. Unhas axudas que se entregaron a familias empadroadas en Frades e baixo un único criterio de adxudicación: o nivel de ingresos da unidade familiar en 2012, de xeito que servirán para axudar a paliar a situación das familias con menos ingresos no municipio e con nenos en idade escolar.











