O Concello de Ferrol ultima os estudos sobre as condicións de seguridade na casa consistorial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol ultima os estudos sobre a garantía do libre acceso público ao Salón de Plenos da Casa Consistorial, o normal desenvolvemento das sesións plenarias e a seguridade das persoas que se encontren nas dependencias municipais. Así o indicou hoxe a voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros, que apuntou ao respecto que “dispoñer destes informes é un requisito para abordar  co conxunto dos grupos municipais e cos datos técnicos precisos os pasos a seguir para o normal funcionamento da actividade municipal”, explicou.

Neste sentido, Aneiros Barros lembrou que son os departamentos de Urbanismo e Seguridade os que están a traballar nos estudos; e que unha vez rematados estes será o momento de poñer en común cos outros grupos políticos con representación na Corporación Municipal as medidas a adoptar, co obxectivo de evitar incidentes como os acontecidos no último pleno de fin de mes. No que atinxe á celebración desa sesión plenaria, que finalmente non foi posible a súa celebración polo comportamento dunha minoría do público asistente, a edil ferrolá sinalou que “o pleno convocarase cando se teñan os informes de seguridade e se acorden por parte dos grupos municipais as medidas para aplicar as recomendacións que propoñan os técnicos”.

10 de xuño de 2013 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.