O Concello de Ferrol patrocina o VIII Campus de Baloncesto “Chikibasquet 2013”
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, informou hoxe da próxima celebración da oitava edición do campus de baloncesto “Chiquibasquet 2013”, que se desenvolverá do 17 ao 22 de xuño no polideportivo de Esteiro. A edil estivo acompañada na presentación deste evento deportivo polo director técnico do campus, Chiqui Barros.
A actividade está dirixida para nenos e nenas entre 5 e 18 anos e nesta nova edición, igual que nas anteriores, Chiqui Barros será o adestrador superior. O director técnico do campus conta cunha gran experiencia en equipos tanto femininos como masculinos e estará acompañado doutros adestradores e xogadores de distintas categorías. “Os obxectivos serán aprender a xogar e mellorar as habilidades do baloncesto así como fomentar a educación, a comunicación e a colaboración dos nenos a través deste deporte” , sinalou a edil ferrolá. Ademais, de maneira paralela ás sesións de baloncesto, desenvolveranse outras actividades, concursos e sorteos de agasallos entre os participantes. Por último, Susana Martínez encomiou este tipo de iniciativas de deporte de base “co que estamos plenamente identificados” e felicitou aos responsables deste campus “polos bos resultados de anteriores edicións”.
Pola súa parte, Chiqui Barros sinalou que a principal novidade desta edición “é poder realizar o campus no polideportivo de Esteiro xa que nos da a posibilidade de facer máis cousas”. Ao fío disto, o adestrador agradeceu á Concellería de Deportes a posibilidade deste novo emprazamento. Entre os monitores e xogadores convidados que teñen xa confirmada a súa asistencia ao campus están: Héctor Piñeiro, Sandra Prieto, Jorge Varela, Carlos Vila, Alberto Rodríguez, Fernando Buendía, Mercedes Bullo e o adestrador do Obradoiro en ACB, Ramón Fernández. O campus desenvolverase en horario de tarde, de 16.30 a 20.00 horas, agás o día da clausura -sábado 22- que será de 10.30 a 13.00 horas. A cota de inscrición mantense en 40 euros e o prazo finaliza o 15 de xuño.











