O Concello de Ferrol patrocina a décima edición do campus de Basket Lino López
A concelleira de Deportes do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá a décima edición do Campus Basket Lino López, que se desenvolverá do 24 ao 29 de xuño nas instalacións deportivas do colexio de San Xoán. A edil estivo acompañada polo director do campus Lino López.
Este evento deportivo, dirixido a nenos e nenas entre 6 e 18 anos, ten como obxectivo “fomentar a educación, a comunicación a través do deporte do baloncesto e incluso a conciliación da vida familiar e laboral porque nesas datas os nenos xa remataron o colexio”, explicou Martínez Galdós. A responsable municipal manifestou o compromiso de apoio do Goberno Municipal a “iniciativas que impulsan e favorecen o deporte de base e que é moi importante para os nosos nenos e nenas por todo o aprendizaxe que adquiren”; ao tempo que felicitou á organización: “desexo que todo saia ben como anos anteriores”.
Pola súa parte, Lino López, director do Campus, quixo agradecer a colaboración da Concellería de Deportes do Concello de Ferrol, “está claro que sería imposible facer un evento así sen o seu apoio”. As solicitudes de inscrición para a décima edición do Campus Basket Lino López pódense realizar , ata o 20 de xuño, a través da páxina web: www.campusbasketlinolopez.com ou chamando ao teléfono: 609 139 299. Os participantes poderán aprender a xogar ao baloncesto, mellorar a súa técnica individual e ademais realizar diferentes actividades como unha excursión ao Aquapark de Cerceda, tiro con arco, xogos tradicionais ou a xornada de adestramento en inglés a cargo de Will Ladson, ex xogador de Nova York. O Campus está organizado pola asociación Probase Deporte Base e patrocinado pola Concellería de Deportes do Concello de Ferrol.











