O Concello de Ferrol organiza a primeira carreira popular “Ruta da construción naval”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrolLocal
A-
A+
Presentación da "Ruta da construción naval"

Presentación da “Ruta da construción naval”

As concelleiras de Deportes e de Turismo do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós e María del Carmen García Fraga respectivamente, presentaron esta mañá a I Carreira Popular “Ruta da Construción Naval” que se celebrará este domingo, día 23. No acto de presentación da proba, estivo acompañada polo presidente do Club Corredores Populares da Armada, Gumersindo López, e polo colaborador do equipo, Diego Ezquerro. Neste evento tamén colaboran a Armada, Navantia e a Autoridade Portuaria.

A primeira Carreira Popular “Ruta da Construción Naval” dará comezo ás 11:00 horas na Alameda do Cantón e percorrerá lugares tan emblemáticos da cidade coma o Porto, o Arsenal Militar, a factoría Navantia e o Cuartel de Dolores ao longo dun total de 10 quilómetros. A edil de Deportes tamén informou que o logotipo “Corre por Ferrol” será presentado nesta proba e acompañará a todas as carreiras que se celebren posteriormente na cidade. Ademais, foi mostrada de maneira oficial a camiseta da primeira carreira que percorrerá a ruta do naval e que identificará á cidade de Ferrol en todas as seguintes probas. “Esta primeira edición percorrerá, a través de tres séculos de historia, unha ruta do naval que é o noso produto turístico estrela e nos diferenza doutros destinos” sinalou a concelleira de Turismo. Ao longo da carreira os corredores pasarán por diante das fragatas do Arsenal, o dique da Campá, o Museo Naval e diferentes edificios singulares do complexo naval e militar da ría ferrolá.

Pola súa parte, o presidente do Club Corredores Populares da Armada, Gumersindo López, agradeceu a confianza que dende o Concello se depositou para que o club organizara este evento. Os interesados en participar deberán formalizar a inscrición ata o 20 de xuño (inclusive) na páxina web: www.championchipnorte.com e atoparán máis información en www.correrengalicia.org.

Actividades complementarias

Así mesmo, este evento contará de maneira paralela, con actividades como inchables e xogos populares para os máis pequenos, situados no Cantón, visitas gratuítas ao Museo Naval, Exponav e o Arsenal Militar ou percorrer a través dunha ruta gastronómico os locais máis representativos da zona do Cantón. Ademais, instalarase un punto de recollida de comida non perecedoira para a Cociña Económica de Ferrol.

19 de xuño de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.