O Concello de Ferrol intensifica a súa colaboración con Cogami en programas de inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social que dirixe Rosa Martínez Beceiro, intensifica a súa relación coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) incrementando a achega municipal aos programas e actividades que esta entidade desenvolve encamiñadas á integración social e laboral deste colectivo. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou este mediodía as instalacións de Cogami na cidade para firmar xunto co presidente da devandita confederación,  Anxo Antón Queiruga, os convenios de colaboración para o mantemento do Servizo de Intermediación Laboral para as Persoas con Discapacidades e a posta en marcha dun novo proxecto, que leva por nome “Busca de Emprego 2.0” e que consiste na aprendizaxe no manexo das ferramentas da web para a mellora da empregabilidade.

Así as cousas, a Concellería de Benestar destina 8.000 euros ao financiamento destes programas da confederación de minusválidos -6.000 euros para “Busca de Emprego 2.0”; e outros 2.000 para o Servizo de Intermediación Laboral-. Rey Varela sinalou que “o emprego é a principal preocupación dos veciños e veciñas da cidade e cando se trata de persoas con minusvalías cómpre un plus de colaboración para conseguir a súa integración laboral”. Nesta liña, o rexedor feliciou a Cogami polo traballo que está a realizar no ámbito da inserción laboral e que en cifras se traduce en 256 persoas empregadas en 2012 e máis de 40 no que levamos de ano. “Os números son fríos, pero cada novo emprego que se consegue é un logro nestes momentos e como Administración temos a obriga de apoiar o traballo de busca de emprego que Cogami fai todos os días”, sinalou o primeiro edil da cidade. “En tempos complicados como os actuais temos de prestar un plus de colaboración”, insistiu Rey Varela.

Pola súa banda, Queiruga Vila, agradeceu a visita do alcalde e o apoio económico do Concello de Ferrol, que “ë fundamental nos actuais momentos complicados dos que non somos alleos ás persoas con discapacidade”. Neste sentido, o presidente de Cogami sinalou que teñen registrados 2.600 demandantes de emprego na comarca, dos cales aproximadamente a metade son de Ferrol. Ao respecto, do novo proxecto de busca de emprego asociada ás novas tecnologías, que a confederación de minusválidos pon en marcha coa axuda do Concello, Queiruga Vila sinalou que do mesmo se poderán beneficiar entre 90 e 100 persoas.

4 de xuño de 2013 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.