O Concello de Ferrol dótase dun servizo de prevención e saúde laboral
O Concello de Ferrol contará cun novo servizo de prevención e de vixilancia da saúde. A Xunta de Goberno Local deu luz verde hoxe á proposta de adxudicación deste contrato á empresa Sociedad de Prevención Fremap S.L por un período de vixencia de dous anos e un importe total de 162.756 euros (IVE incluido), o que supón un montante de 81.378 euros por exercicio. Fremap S.L foi a firma licitadora mellor puntada polos técnicos na Mesa de Contratación, que avaliou as dez propostas que se presentaron ao procedemento aberto pola Administración ferrolá.
Noutro orde de cousas, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá adxudicar á empresa Oficina da Planeamiento S.A o apoio técnico á Área de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos e Seguridade do Concello de Ferrol para o desenvolvemento da xestión e execución do Planeamento Urbanístico Municipal (PXOM). Neste caso, o importe ascende a 72.600 euros (IVE incluído); e foron tres as empresas que optaron a esta contratación resultando elixida a que obtivo a maior puntuación na Mesa de Contratación.
Por último, as outras dúas cuestións que se trataron esta mañá na reunión ordinaria semanal do executivo que preside Jose Manuel Rey Varela foron a modificación do proxecto básico das obras do campo de fútbol de céspede artificial de Aneiros e a solicitude á Deputación Provincial da Coruña dunha achega de 12.000 euros para programas de conciliación. En relación ao novo equipamento deportivo que se está a construír en Serantes o obxecto do modificado –que non supón alteración algunha no orzamento de adxudicación do proxecto- é introducir dúas melloras con respecto á proposta inicial. Esta son: a construción dun muro de contención de mampostería concertada de bloques graníticos en substitución do muro de formigón armado do proxecto orixinal; e a canalización dun novo trazado para a liña de media tensión existente na parcela.











