O Concello de Ferrol clausura o curso de coidadores non profesionais de persoas dependentes
A concelleira Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, asistiron esta mañá ao acto clausura e entrega de diplomas do “III Programa de atención de apoio e formación dirixido a coidadores e coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia”, enmarcado no Plan Urban que leva a cabo o Concello de Ferrol e que conta co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Este programa estaba dirixido a coidadores non profesionais de persoas en situación de dependencia da zona Urban composta polos barrios de Ferrol Vello, Canido e A Magdalena.
Esta acción formativa, que comezou o pasado 15 de abril, celebrouse os luns, mércores e xoves de 11:00 a 13:00 horas, cunha duración total de 60 horas. Das 15 participantes, procedentes maioritariamente da zona Urban que coidan de persoas dependentes nos seus fogares, remataron hoxe a formación 12 mulleres acadando o diploma acreditativo correspondente. O programa ten como obxectivo facilitar coñecementos básicos ás persoas coidadoras non profesionais para mellorar os coidados sociosanitarios das persoas en situación de dependencia e dotalos de técnicas e estratexias para potenciar o autocoidado persoal.
Dobre liñas de actuación
Este programa proporcionou dúas liñas de actuación: por un lado, estivo dirixido aos coidadores non profesionais co desenvolvemento de actividades de atención, apoio e formación e, por outro, enfocouse na persoa dependente, proporcionándolle un coidador profesional mentres o seu coidador asistía ao Programa –o servizo foi gratuíto-. Este servizo de balde só foi solicitado por unha persoas das quince que realizaron o Programa.
Co desenvolvemento destes obradoiros ou sesións preténdese potencia a independencia do familiar que se coida, co que aumenta a súa autoestima e a súa vez foméntanse no coidador/a hábitos para o seu “autocoidado”, tanto físicos coma psicolóxicos; deste xeito saberá como chegar e cando pedir axuda a outros axentes da comunidade como familiares, profesionais dos servizos sociais e asociacións, así como planificar e organizar o tempo, tanto o propio como o da persoa que está a coidar.
O programa estruturase en dous bloques formativos: formación inicial (40 horas) e formación específica (20 horas). Así mesmo, nos contidos da formación inicial abordarán aspectos tales como: desenvolvemento persoal da persoa coidadora; competencias e habilidades para o coidado para promover o coidado e a autonomía persoal da persoa en situación de dependencia; e recursos existentes e xeración de Redes Sociais de Apoio. No que atinxe á formación específica, dependerá das necesidades do coidador/a e incluirá un ou máis dos seguintes contidos: dependencia derivada da enfermidade física; dependencia derivada da enfermidade mental grave, dependencia derivada de discapacidade física ou sensorial e dependencia derivada de discapacidade psíquica e intelectual.











