O Concello de Ferrol abre o prazo para a inscrición no novo curso de monitor/a de tempo libre
A Concellería de Xuventude do Concello de Ferrol, que dirixe Verónica Casal Míguez, informou esta mañá da apertura do prazo de inscrición no novo curso formativo de monitor/a de tempo libre dirixido a mozos e mozas maiores de 18 anos. Os interesados en participar no curso formativo deberá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol ata o día 8 de xullo e o límite de prazas é de 25 alumnos.
“Este título de monitor de tempo libre capacita para deseñar, programar e por en práctica e avaliar actividades para o tempo libre e socioculturais orientadas para a atención tanto da infancia e da xuventude, como de persoas maiores ou con necesidades especiais”, explicou a titular de Xuventude. O itinerario formativo dará comezo o 10 de xullo, en horario intensivo de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e finalizará o 8 de agosto. Este curso contará con dúas partes: a fase teórico-práctica, cunha duración de 200 horas, que se desenvolverá tanto dentro da aula como ao aire libre; e a fase práctica que consta de 150 horas poderase realizar nos campamentos municipais de verán.
Así, ao remate da formación, os mozos e mozas poderán traballar en centros socioculturais, asociacións xuvenís, campamentos de verán ou urbáns, albergues, colexios e actividades extraescolares, escolas infantís, garderías, puntos de atención á infancia ou empresas de lecer e tempo libre, de animación ou turísticas. Ademais, a edil de Xuventude manifestou que a intención do Goberno Municipal é repetir este curso formativo “se vemos que ten demanda e aumentando se é necesario o número de prazas”.
Requisitos de inscrición
Os mozos e mozas interesados en participar no curso de monitor de tempo libre deberán cumprir os requisitos de ser maiores de idade, estar empadroado no termo municipal e posuír algún dos seguintes títulos: Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), Graduado Escolar ou equivalente; ou Técnico auxiliar en formación profesional ou equivalente.











