O Concello de Cedeira pon en marcha unha ludoteca para os máis pequenos nos meses de verán
Os máis pequenos da casa teñen unha cita cada mañá na Sala Áncora, na Praza do Sagrado Corazón de Cedeira. Alí, o Concello puxo en marcha esta semana a ludoteca municipal, pensada para os nenos e nenas de tres a 11 anos. Durante as mañás dos meses de verán, dous monitores ofreceranlles unha completa programación de xogos didácticos. As actividades tamén se celebrarán ao aire libre, neste céntrico espazo.
Así mesmo, o programa municipal ten custo cero para as familias e desenvolverase entre as 10 e as 14 horas ata a primeira semana de setembro. Con el, o Concello busca dous obxectivos. Por un lado, ofrecer unha alternativa de ocio para os nenos neste período de vacacións escolares e, ao mesmo tempo, formular un ocio didáctico. En todo caso, dende o Concello recórdase que o servizo non inclúe a custodia dos nenos que participen neste.











