O Concello de Carral presenta a súa programación deportiva para o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarralDeportesLocal
A-
A+

O concello de Carral acaba de presentar o programa de actividades deportivas municipais co que pretende encher o tempo de ocio dos habitantes de Carral.

As actividades ofertadas abranguen todos os sectores de idade da poboación; así os máis pequenos poderán gozar dunha ampla variedade de deportes como a natación, tenis, xadrez e a patinaxe.

Os adultos tamén teñen cabida neste programa de actividades cun curso de natación, iniciación á patinaxe, tenis, campionatos de tute, de fútbol e fútbol sala (masculino e feminino), bicicleta, trails, etc.

Como novidades na programación deportiva deste verán, incorpóranse as clases de Yoga, de Zumba e cursos de defensa persoal, actividades dirixidas para todos aqueles que desexen manterse en forma e pasar un bo anaco este verán. Outras novidades son o campionato de tenis de mesa na piscina e o trail BipBip Correcaminos, que aparecen despois dunha crecente demanda detectada no municipio.

Ademais, esta programación presta unha especial atención aos xogos e deportes tradicionais; máis concretamente á Chave. Son dous as actividades relacionadas con este xogo tradicional. – O Campionato Interparroquial de Chave, con 15 anos de vida, e que enfronta nunha liga durante os meses de agosto e setembro a equipos das distintas parroquias de Carral.- O Torneo de chave do Socorro, que se disputa dende hai 6 anos no campo da Feira coincidindo coas festas patronais da localidade.

Para todos aqueles interesados, está aberto o prazo de inscrición, que poderán formalizar acudindo ás dependencias municipais da Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 672580 ou no correo electrónico deportes@concellocarral.com.

21 de xuño de 2013 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.