O Concello de Carballo denuncia un acto vandálico que supuxo a rotura de medio centenar de árbores no Paseo do Anllóns

Unha das árbores afectadas
O Concello de Carballo, a través das concellarías de Servizos e de Medio Ambiente que dirixen Luís Lamas e Marcos Trigo, respectivamente, vén de denunciar un delicto ecolóxico producido na contorna do Paseo do Anllóns a pasada fin de semana. Así, algunha persoa ou persoas sen ningún tipo de conciencia cívica veñen de crebar arredor de medio centenar de árbores de ribeira entre as que se atopan paulownias, carballos americanos, castiñeiros, bidueiros, ameneiros e unha nogueira. Estás árbores viñan de plantarse recentemente nas marxes do río para rehabilitar a canle e axudar no repoboamento das árbores de ribeira, dentro das accións de mellora do Paseo. A administración local quere denunciar este ataque a un ben colectivo e a un recurso natural e vén de poñer os feitos en coñecemento da Policía Local e tamén o fará diante do Seprona (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) e nos Xulgados. Así, parece probada a intencionalidade dos feitos, xa que para crebar as árbores empregouse un instrumento cortante, ademais de que os danos están localizados nunha zona concreta, no treito entre o Bosque e a antiga potabilizadora. O Concello pide a colaboración dos veciños e veciñas para perseguir este tipo de accións e informa de que se porán en marcha todos os medios necesarios para atrapar aos culpables e sancionalos.











