O Concello de Cambre informa aos veciños sobre o proceso de solicitude referente aos festexos de San Juan
O Concello de Cambre anuncia que este ano para a realización de cacharelas ou sardiñadas en espazos públicos, se deberá comunicar no rexistro municipal antes do día 21 de xuño ás 13.00 horas. Os solicitantes deberán ser maiores de idade e comunicar o lugar de localización da cacharela ou sardiñada.
Este ano como novidade os veciños ou hostaleiros terán dúas solicitudes diferentes nos rexistros municipais. Unha delas referente aos interesados en facer cacharelas en espazos públicos e outra para os interesados en sardiñadas ou barbacoas tanto en espazos públicos coma para hostaleiros, que este ano poderán solicitar permiso dous días (comprendidos entre a semana de San Juan) para festexar este día nas súas terrazas.
O concello recorda que todas as queimas en terreos privados están reguladas pola Xunta de Galicia polo que insta a estes veciños a solicitar os pertinentes permisos na administración autonómica. Na solicitude a cubrir polos interesados están reflectidas unha serie de normas para garantir a seguridade que serán inspeccionadas polo Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cambre. En caso de que este servizo observe que se incumpren as normas establecidas poderá retirar a cacharela ou barbacoa no mesmo momento ou antes do inicio do festexo. O concello repartiu un bando polo concello co obxectivo de que os veciños sexan conscientes das normas para realizar os festexos no termo municipal.











