O Concello de Brión presenta “Tardes de verán”, un programa de actividades de ocio para toda a familia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónLocal
A-
A+

O Concello de Brión presenta unha nova proposta para este verán: “Tardes de verán”, un completo programa de actividades de ocio ao aire libre ideado para o disfrute de toda a familia en conxunto. Un programa que se desenvolverá nos meses de xuño e xullo e que inclúe sendeirismo, xogos de rol,  paintball e visitas ao parque acuático de Cerceda e ao parque multiaventura de Marín.

O Concello de Brión elixiu estas actividades pensando en que poden servir como oferta de ocio conxunto para adultos (que aboarán unha cota de 12 euros por actividade) e para nenos (os menores de 10 anos poden participar de xeito gratuíto). Iso si, as entradas ás actividades no parque acuático, no xogo de rol, no paintball e no parque multiaventura tamén corren a cargo dos participantes.

As inscricións poderán formalizarse na Casa da Cultura o u no 981 50 99 08 ata unha semana antes de cada unha das actividades. O número de prazas é limitado, polo que terán preferencia os veciños e veciñas de Brión. Ademais, é preciso un mínimo de 30 persoas para a realización de cada actividade.

Programa

“Tardes de verán” abrirase o sábado 29 de xuño cunha excursión ao parque acuático de Cerceda. A expedición sairá ás 10:00 horas da Carballeira para pasar a xornada no parque cercedense. O prezo da entrada oscila entre os 6 e os 8 euros. Para o sábado 4 de xullo está programada “A ruta do anel”, un xogo de pistas-rastrexo na que os veciños e veciñas de Brión ocuparán os lugares de Frodo, Gandalf e Aragorn na busca do anel único de Sauron. Un xogo baseado na triloxía “O señor dos aneis” de Tolkien e que está recomendado para maiores de 8 anos. O custe da entrada é de 3 euros.

O xoves 11 de xullo é tempo para practicar paintball en caldas de Reis. A expedición brionesa sairá de mañá para practicar este xogo e, pola tarde, terán un xantar de campo e visita a unha praia fluvial. Recomendada para maiores de 14 anos, o prezo da entrada é de 15 euros (100 bolas) e 20 euros (200 bolas). O martes 23, o destino da viaxe será o parque multiaventura de Marín, tamén con sesión de praia pola tarde. Recomendada a partir de 4 anos, o custe da entrada oscila entre os 12 e os 20 euros.

O programa “Tardes de Verán” pecharase o martes 30 de xullo coa reedición da Ruta dos Tres Ríos (Touro). Nesta ocasión, a caminata será menor (9 quilómetros) e inclúe xantar de campo e tarde na praia fluvial.

5 de xuño de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.