publicidade hoxe

O Concello de Ares organiza un ano máis os campamentos urbáns deportivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresLocal
A-
A+

O Concello de Ares organiza un ano máis os Campamentos urbáns deportivos, que se desenvolverán durante os meses de xullo e a primeira quincena de agosto.  Esta iniciativa celebrarase de luns a venres, agás nas datas sinaladas no calendario como festivas, e os nenos e nenas participantes poderán apuntarse por quincenas, dispoñendo de 60 prazas cada unha delas.

O período de inscripcións será dende mañá, día 15 de xuño, en adiante ata rematar as prazas.

A primeira quenda será do 1 ao 15 de xullo, a segunda quenda será do 16 ao 31 de xullo, e a terceira será do 1 ao 15 de agosto. Como consta nas bases, existe a posibilidade no momento da inscripción de apuntarse a máis dunha quincena previo pago por adiantado do importe, pero non se reservarán inscripcións dunha quincena para a outra, sendo preciso inscribirse formalmente nos períodos antes subliñados.

As persoas que desexen obter máis información ou queiran formalizar a súa inscripción deberán pasar polo pavillón deportivo municipal de luns a venres, en horario de 9:30 a 13:00. Tamén se pode chamar ao teléfono 981468562 ou a través da web municipal (www.concellodeares.com).

O prezo do campamento é de 30 euros por quenda para empadroad@s en Ares e de 50 para os que non o estean, se ben a tarifa verase reducida a partires de segunda inscripción na mesma unidade familiar (20 euros para empadroad@s e 40 para os que non o están) ou no caso de familias numerosas, que terán unha rebaixa do 50% en todas as inscripcións.

Cada xornada comezará coa recepción aos nenos e nenas ás 10:30 horas no pavillón deportivo ou na zona de praia habilitada para as actividades. Dende ese momento, os participantes permanecerán sempre en grupos de idades cun monitor responsable de cada grupo, ata o remate da xornada coa recollida polos pais/nais ou titores que se fará ás 13:30 horas no punto de reunión establecido.

Os grupos de idades son o de 7 a 8 anos, o de 9 a 10 e o de 11 a 12 anos.  Tamén haberá un tempo á semana que se adicará á realización de actividades na natureza, como  remo, vela, sendeirismo e tiro con arco.

14 de xuño de 2013 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.