O Concello da Laracha creará áreas de servizo para autocaravanas en O Regado e Xermaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+

O Concello da Laracha contará este verán con dúas áreas de servizo para autocaravanas que estarán situadas nos lugares de Xermaña (parroquia de Caión), en concreto xunto ao pavillón polideportivo, e de O Regado (parroquia de Cabovilaño), na zona de descanso situada na marxe dereita da estrada AC-552 en dirección a Carballo.

O goberno municipal tomou a decisión de establecer neses lugares as novas infraestruturas debido ás especiais características do seu emprazamento: zonas chans, de moi cómodo acceso –a carón de vías principais- e situadas moi próximas aos cascos urbanos da Laracha e de Caión.

En ambos casos, tanto en Caión como en Cabovilaño, as obras xa están en marcha. A actuación, deseñada atendendo ás recomendacións da Asociación Galega de Autocaravanas, consiste na instalación de tomas de auga potable, a adaptación das arquetas da rede de sumidoiros para o baleirado das augas residuais (grises e negras) dos tanques dos vehículos e a correspondente sinalización e colocación de paneis informativos.

A estratéxica situación do Concello da Laracha como porta de entrada tanto á Costa da Morte como á comarca de Bergantiños desde A Coruña implica que o noso municipio sexa un lugar de paso constante para persoas que practican turismo en autocaravanas. Por norma xeral, esta colectividade ten por principal inspiración integrarse na natureza de cada lugar que visita sendo, por tanto, o pleno respecto ao medio ambiente unha das súas características.

O turismo en autocaravanas está en auxe en Europa e o goberno local da Laracha está a tomar medidas efectivas dirixidas precisamente a facer máis atraínte o municipio e captar a este tipo de visitantes, agardando que esta acción teña unha directa repercursión no pequeno comercio de ambas zonas e que resalte o rico patrimonio histórico, natural, paisaxístico e gastronómico que posúe o Concello da Laracha ao longo do seu territorio.

22 de xuño de 2013 | 13:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.