O Concello da Coruña pide máxima prudencia e recomenda non se achegar ao mar ante a previsión de forte ondada
A Concellaría de Seguridade Cidadá solicita a máxima prudencia ás miles de persoas que esta noite se achegarán aos areais da cidade para gozar das Cacharelas de San Juan. O Concello informa de que, tras incrementar nun 30% os efectivos deste dispositivo especial sobre a previsión inicial, ata alcanzar as 366 persoas, reforzou tamén o servizo de socorrismo, tanto en terra coma en mar, con tres motos de auga, ante a forte ondada que está prevista para esta noite no litoral coruñés.
O departamento municipal que dirixe Julio Flores agradece aos cidadáns que sexan prudentes e non se acheguen ao mar durante esta noite. En concreto, o Concello pide que se extreme a precaución sobre todo entre as 23.00 horas de hoxe e as 05.30 horas de mañá, luns 24 de xuño, momento no que está previsto que sexa a preamar.
O dispositivo de seguridade desta noite inclúe postos de primeiros auxilios con hospitais de campaña, ambulancias, persoal de Protección Civil e Cruz Vermella, vehículos de Bombeiros e patrullas móbiles da Policía Local. O dispositivo contará con 366 efectivos, 92 máis que o ano anterior, e tamén se incrementan os medios de seguridade e atención de emerxencias.
O Concello establecerá un dispositivo de control do tráfico de vehículos e de peóns, control de baixada de materiais á praia e control de cacharelas, sardiñadas e barbacoas nos barrios. Estará formado por 30 policías locais que comezarán hoxe a súa tarefa ás 16.00 horas e cortarán o tráfico no paseo marítimo na zona de Riazor-Orzán-Matadero ás 18.00 horas. Haberá outro dispositivo centrado nos labores de seguridade e emerxencias, onde participarán outros 119 policías locais (76 na quenda de noite e 43 no de mañá), 40 policías nacionais (o dobre que o ano pasado), 40 bombeiros (incluíndo a nova Unidade de Rescate en Litoral), 31 membros de Protección Civil, 6 do Servizo de Socorrismo (incluíndo 1 médico e 1 DUE) e 43 persoas de Cruz Vermella (6 máis que o ano pasado, incluíndo 1 médico e un DUE).
Este dispositivo estará coordinado dende o Centro Móbil de Coordinación situado na Coiraza, operativo dende hoxe ás 18.00 horas e distribuíuse a cidade nunha zona prioritaria que corresponde ás praias de Riazor-Orzán-Matadero, e outras catro que coinciden cos sectores habituais da Policía Local, onde tamén se despregarán Bombeiros e Protección Civil.











