O Concello da Coruña informa de cambios provisionais na circulación por obras na cidade
A Concellaría de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público informa dos cambios que, de xeito provisional, se producirán na circulación.
– Con motivo da entrada na obra de construción da Terceira Rolda das vigas para o viaduto, é necesario realizar cortes de tráfico puntuais de 5 minutos de duración na glorieta de Pocomaco. Serán mañá, mércores 26 de xuño, e o xoves, día 27, en horario de 10.00 a 12.30 horas e de 15.30 a 18.30 horas.
– Os traballos de canalización de telecomunicacións e abastecemento incluídos no proxecto de urbanización do Parque Ofimático requiren o corte de tráfico dun vial que discorre polo núcleo urbano de Eirís de Abaixo cunha lonxitude de 100 metros. Está previsto iniciar as obras o próximo luns, 1 de xullo, e cunha duración estimada de cinco días en dúas fases (a primeira, de tres días; e a segunda, de dous días).
– A reparación da rede de saneamento á altura dos números 14 e 16 da rúa Tenente General Gómez Zamalloa obriga a realizar cambios na mobilidade nesta vía a partir do próximo xoves, 27 de xuño. Para a execución das obras, cunha duración estimada de dous días, será preciso ocupar a zona de estacionamento e parte do carril, deixándose outro carril libre de paso.
– As obras de mantemento da iluminación na rúa José María Rivera Corral obrigan a ocupar un carril, dándose tráfico alternativo con sinais. Os traballos executaranse o xoves e o venres, días 27 e 28, á altura do centro de saúde de Os Mallos.











