O Concello da Coruña chega a 2.250 escolares a través da campaña informativa de San Juan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Seguridade que dirixe Julio Flores, informa de que a campaña informativa para escolares dos centros educativos da cidade, posta en marcha fai un par de meses co obxectivo de previr accidentes durante a Noite de San Juan, chegou a 2.250 alumnos coruñeses.

Trátase de mozos de entre 14 e 18 anos, de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato, de 14 centros escolares que participaron nesta campaña na que o propio persoal encargado da seguridade da cidade, como bombeiros, Policía Local e Protección Civil, ademais de técnicos da área de Medio, ofreceron charlas informativas nas que trasladaron aos novos consellos de seguridade e prevención, ademais da emisión do vídeo En San Juan, non te queimes: pásao.

En total, 62 monitores participaron nas 28 charlas que se ofreceron durante este tempo e coas que o Concello pretende concienciar os máis novos da importancia de gozar da festa de San Juan de forma segura e sen riscos. Por este motivo, explicóuselles que tipo de combustibles e elementos utilizar na cacharela e que é o que non deben facer, ademais da prohibición de utilizar colectores e carriños para transportar a madeira. Tamén se lles informou sobre a necesidade de pedir autorización para a realización de cacharelas e sardiñadas na vía pública. Por outra parte, anímaselles a ser respectuosos co ámbito e colaborar na limpeza dos restos e desperdicios tras a celebración de San Juan e dáselles uns consellos e pautas a ter en conta sobre o xeito de actuar se se produce algún tipo de accidente.

20 de xuño de 2013 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.