O Concello da Coruña abre en Monte Alto o Servizo Municipal de Atención Inmediata a Persoas Sin Hogar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo, presentou esta mañá o Servizo Municipal de Atención Inmediata a Persoas Sin Hogar coa que o Concello da Coruña busca atender as demandas máis urxentes e mellorar a atención dos cidadáns que se encontran nesta situación de risco de exclusión social.

Lorenzo destacou que o obxectivo deste servizo municipal, situado na nova Unidade de Atención Social (UAS) de Monte Alto, é ofrecer información e xestionar os recursos públicos dos que dispón o Concello, ademais de responder ás necesidades reais e máis prioritarias que xurdan dende o Servizo de Información, Valoración e Orientación (SIVO).

“O Servizo Municipal de Atención Inmediata a Persoas Sin Hogar permitiranos atender e dar cobertura a estes cidadáns que, vivindo na rúa, se encontran ante situacións de urxencia ou de necesidade nas que é preciso actuar coa maior rapidez posible. Por este motivo, aproveitaremos todos os recursos municipais e de entidades sociais da cidade que estean ao noso alcance en cada momento para atender o mellor posible a estas persoas sen fogar”, explicou o concelleiro de Servizos Sociais.

A creación da OMAC (Oficina Municipal de Atención a Persoas en situación de Calle) é un dos pasos previos a un traballo máis en rede e máis coordinado coa totalidade dos abundantes recursos, privados e públicos, que na cidade abordan esta temática. A partir de aquí, será posible un traballo de intercambio de información cos diferentes profesionais que coidan as persoas máis vulnerables, que viven na rúa. Trátase de casos que, a maioría das veces, xa visitaron con máis dun recurso e de difícil abordaxe terapéutica, asistencial e social.

Lorenzo indicou que o Servizo Municipal de Atención Inmediata a Persoas Sin Hogar desenvolverá tres accións fundamentais:

1. Servizo de atención ao público. Sen necesidade de solicitar cita previa, as persoas en situación de rúa interesadas en recibir información poden achegarse á segunda planta da Unidade de Atención Social de Monte Alto de luns a xoves, de 08.30 a 14.30 horas e de 16.30 a 19.00 horas; e os venres de 08.30 a 14.30 horas. Tamén poderán poñerse en contacto por teléfono a través do número 981 18 43 73 (extensións 46090 / 46093 / 46096 / 46106). As persoas poderán acudir ao centro por iniciativa propia, derivadas doutros servizos e entidades da cidade ou doutros centros e unidades municipais, pois a intención do Concello é mellorar a coordinación entre os distintos departamentos para ofrecer unha mellor cobertura do servizo.
2. Recollida de información por vía telefónica sobre persoas que dormen nas rúas da cidade. Esta iniciativa contribuirá a mellorar a atención temperá de cada un deses casos e contrastar datos coas bases xa existentes, permanentemente alimentadas por diversos servizos (SEMUS, Campaña Frío, EMIS…) que operan nesta temática.

3. Atención no lugar de localización. Levarase a cabo cando os técnicos estimen que é a mellor alternativa e servirá para establecer contacto, obter a información necesaria e realizar a orientación oportuna destas persoas.

O concelleiro de Servizos Sociais destacou a situación do novo servizo na nova Unidade de Atención Social (UAS) de Monte Alto, que se puxo en marcha recentemente e se converteu na terceira que se abriu, despois de Catro Camiños e a Ágora.

Con esta rede de UAS a cidade dispón dun sistema de atención orientado ás verdadeiras necesidades cidadás, máis áxil e eficaz, co fin de ofrecer unha atención temperá ao veciño. Con esta actuación, o Goberno local mellora o servizo que se ofrece aos veciños da cidade nun momento no que a demanda de información e orientación social se viu incrementada, á vez que se racionalizan os recursos de atención social existentes e, polo tanto, se logra unha optimización do traballo. En Monte Alto, traballadoras sociais atenden as solicitudes dos cidadáns entre as 08.00 e as 19.30 horas.

25 de xuño de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.