publicidade hoxe

O Concello colabora na II Xuntanza Moteira Vila de Ares, que se celebrará o 6 e 7 de xullo no parque Rosalía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresCalendarioLocal
A-
A+

O grupo Moteiros da Terra Meiga, integrado por 13 persoas, está detrás da organización da que será a segunda Xuntanza Moteira Vila de Ares, que se desenvolverá no municipio os días 6 e 7 de xullo. E, como aseguraron en rolda de prensa os responsables desta entidade, a iniciativa non podería ser posible sen a colaboración, ademais dos moitos locais de Ares, do Concello, cuxos responsables, co alcalde, Julio Iglesias, á cabeza, compareceron con eles esta mañá no acto de presentación da xuntanza.

O presidente, Antonio Lestón, que estivo acompañado polo vicepresidente, Julio César Rey, a tesoreira, Sonia Cuñarro, e o vocal, José Luis Naveiras, informou de que a actividade, que terá como punto de encontro e de desenvolvemento da maior parte de eventos o parque municipal Rosalía de Castro, vai dirixida sobre todo á xuventude, aínda que poderá sumarse todo aquel que o desexe. De feito, Moteiros de Terra Meiga, que acude a eventos similares durante todo o ano por Galicia, agardan congregar no parque Rosalía a unhas 500 motos e para a cea do día 6 a arredor de 250 persoas.

Como destacou Lestón, ademais das actividades propias dunha xuntanza destas características, a iniciativa ten un obxectivo claramente turístico, como o demostra o feito de que durante estes dous días os participantes tomarán parte nunha serie de rotas guiadas e explicativas que pasarán por puntos de interese do municipio, como Redes ou Punta Avarenta e, coa colaboración das áreas de Turismo e Cultura do Concello, recibirán unha bolsa con información de Ares e un libro de acuarelas dos lugares máis emblemáticos. Esta colaboración mutua e o interese de dar a coñecer o concello foi tamén subliñado polo edil destas concellarías, Eugenio Fernández Lago.

As persoas que desexen participar nestes actos deberán aboar 15 euros –ben previamente ou no mesmo momento do inicio da celebración da xuntanza-, que inclúen caña e pincho de benvida; agasallo; acampada cuberta con acceso a baños e duchas; cea do sábado; almorzo do domingo; e pinchada do domingo. A xuntanza, ademais, conta cun amplo programa de actividades, entre as que destacan as rotas turísticas –tanto o sábado 6 como o domingo 7-, unha gran churrascada, unha rota de antorchas en memoria da xente que xa non está –no noite do 6-, entrega de trofeos ou unha festa coa actuación de DJ Dreamers e DJ Hormy.

20 de xuño de 2013 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.