O Concello celebra o Día do Deporte na rúa con 45 actividades e 4.000 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou esta mañá o XXVI Día do Deporte na Rúa que se celebra o próximo domingo, 16 de xuño, de 11.00 a 14.00 horas, nos Cantóns e nos Xardíns de Méndez Núñez. “O día do deporte na rúa, é o día do deporte con maiúsculas. A festa dos clubs, federacións, organismos e empresas, escolas deportivas, centros e, como non, de todos os coruñeses. Pero, sobre todo, é un día para gozar en familia e cos amigos”, explicou o concelleiro e engadiu: “Entre os nosos obxectivos está o de achegar as distintas disciplinas deportivas á poboación e que coñezan a infinidade de alternativas que lles ofrece a cidade grazas á multitude de entidades que colaboran connosco”.

Así, o Goberno municipal, a través do Servizo Municipal de Deportes, leva ao centro da cidade as actividades que se desenvolven ao longo do ano nas instalacións deportivas municipais. “O Día do Deporte na Rúa mobiliza máis de 50 entidades deportivas e colaboradoras, ademais de distintas federacións como a de atletismo, béisbol, chave, esgrima e loita”, destacou.

En total, os Xardíns de Méndez Núñez e os Cantóns, acollerán 45 actividades distintas que incluirán deportes de todo tipo, dende os máis clásicos como o baloncesto, o balonmán ou o bádminton, pasando por outros como a esgrima, o golf ou o hóckey; ata os que se incorporan nesta edición por primeira vez como o fitness e spinning, os bailes latinos, zúmbaa, o tenis en cadeira de rodas ou o wíndsurf e catamarán”, destacou o concelleiro. “O centro da cidade converterase nun gran campo de adestramento con alternativas para todos os gustos e todas as idades porque o noso obxectivo é que o deporte estea ao alcance de todos”.

Este ano ademais, fomentarase a participación nas actividades cun carné do deportista que asistentes terán que ir selando a medida que vaian formando parte das distintas actividades: “Trátase de completar a palabra deporte letra a letra. Cada actividade na que se participe vale un selo e cada letra complétase con 4. Cada catro casas seladas, poderase ir ao posto de control onde se entregará unha camiseta e unha rifa para o sorteo que se celebrará ao final da xornada. Haberá distintos sorteos así que as posibilidades serán maiores canto maior sexa a participación. Por este motivo, algunhas actividades minoritarias valerán dous selos para fomentar así que a xente as probe e completar o seu carné antes”, explicou Mourelo.

O concelleiro destacou que a cidade é un exemplo de práctica deportiva: “O domingo esperamos que participen máis de 4.000 persoas. Antes desta gran festa do deporte que pecha o programa de Deporte no Centro, o programa de actividades extraescolares nos centros educativos, o venres, celebraremos a tradicional Cea do Deporte que pecha de forma simbólica a tempada de Escolas Deportivas Municipais, concluíu.

11 de xuño de 2013 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.