O Concello amplía ata 2018 o contrato para a xestión da escola infantil de Monte Alto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Goberno local aprobou a prórroga da xestión da escola infantil de Monte Alto por cinco anos máis, ata o 1 de agosto de 2018, posto que o contrato de adxudicación asinado en 2003 finalizaba agora. A Concellaría de Educación inviste 68.000 euros anuais nesta instalación municipal.

O Concello adxudicou este servizo o 1 de agosto de 2003 por un prazo de 10 anos, coa posibilidade de prorrogar o contrato de cinco en cinco anos ata un máximo de 20 anos entre o período inicial e as prórrogas. A solicitude da prórroga realizouse dentro do prazo permitido e, tras avaliar o servizo e emitir os técnicos municipais un informe favorable, a Xunta de Goberno do pasado venres deu o visto e prace á proposta de ampliar cinco anos máis o contrato de xestión deste centro infantil de Monte Alto.

O Concello conta 640 prazas para o curso 2013-2014 na súa Rede de Escolas Infantís Municipais, que conta con sete centros educativos de atención á primeira infancia (A Bucina, Arela, Carricanta, Os Rosales, Luis Seoane, Monte Alto e Os Cativos) para nenos e nenas de 0 a 3 anos.

O Concello da Coruña, por medio do Servizo Municipal de Educación, coordina e financia tanto a escola infantil de Monte Alto coma os outros seis centros, que están xestionados en réxime de concesión administrativa por empresas seleccionadas a partir de procedementos públicos de contratación. O Goberno local reafirmou este ano a súa aposta por un sistema educativo de calidade, cun incremento do 16,6% nos presupostos para as partidas dirixidas ás escolas infantís municipais (EIM) e proxectos de mellora e acondicionamento dos centros educativos. Son 2,1 millóns de euros, é dicir, 300.984 euros máis que en 2012.

As escolas infantís municipais recibiron nos últimos anos premios de prestixio polo seu gran traballo cos alumnos; galardóns e recoñecementos a nivel nacional que certifican a súa aposta pola innovación educativa. A escola de Monte Alto, xunto coas Dos cativos e Carricanta, colaborou co instituto de Educación Secundaria (IES) Ánxel Casal na presentación do proxecto O Ritmo do Son ao programa Ciencia en Acción XIII, obtendo o primeiro premio na categoría de Ciencia e Tecnoloxía. Trátase dun programa organizado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e polo Instituto das Ciencias Matemáticas, entre outras institucións de ámbito nacional.

O acordo de prorrogar o contrato da escola infantil de Monte Alto súmase a outro expediente tramitado na última Xunta de Goberno: a concesión da licenza para a ampliación do colexio de Infantil e Primaria Emilia Pardo Bazán, Nos rosales, nunha parcela anexa de 13.389 metros cadrados. A Xunta investirá 2 millóns de euros, cofinanciados nun 80% pola Unión Europea.

30 de xuño de 2013 | 16:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.