O Concello adhírese ao convenio de asistencia aos desafiuzados en situación de vulnerabilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A Xunta de Goberno Local acordou, na súa xuntanza desta mañá, a adhesión do Concello ao Convenio entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), sobre a “Detección de supostos de vulnerabilidade con ocasión do lanzamento de vivenda familiar e medidas de carácter social”.

O convenio ten por obxecto fixar un protocolo de actuación que active aos servizos sociais da Xunta e o Concello no momento no que se produza un desafiuzamento de persoas en situación de especial risco de exclusión e vulnerabilidade ao fin de que poidan incluírse, no caso das execucións hipotecarias, ao programa de realoxo dos afectados por execucións do Instituto Galego de Vivenda e Solo ou, no seu caso, recabar a intervención dos servicios sociais, garantindo a atención aos afectados e afectadas.

O Concello de Ourense está a traballar no análise desta problemática, e realizando as actuacións e intervencións profesionais pertinentes en cada situación individual ou familiar, tentando dar unha resposta coordinada para aquelas persoas afectadas, no marco da normativa vixente.

O convenio presenta coma novidade a inclusión, non só dos debedores, senón tamén de arrendatarios, nos casos de lanzamento ou desafiuzamento da súa residencia familiar habitual, debido ao incremento deste tipo de situacións, que non afecta só ao mercado hipotecario, senón que extende os seus efectos ao arrendamento de vivenda, onde o arrendatario, pola diminución ou falta de capacidade económica conleva o desafiuzamento pola falta de pago da renda.

O protocolo de actuación queda fixado do seguinte xeito: no momento no que se advirte un procedemento de execución hipotecaria ou impago de renda que verse sobre vivenda habitual no que se dea unha situación de vulnerabilidade, o xuíz decretará a suspensión do procedemento ata que os servicios sociais poidan facer unha valoración provisional das circunstancias que concorran e por en marcha as solucións pertinentes.

Examinada a situación emitirán un informe que se remitirá ao Instituto Galego de Vivenda e Solo no caso de que concorran os requisitos para a inclusión do afectado ou afectada no programa de realoxos.

Coa suscripción deste convenio cada unha das partes adquire unha serie de compromisos:

– O Consello Xeral do Poder Xudicial elaborará e porá a disposición dos Xulgados e da Xunta de Galicia, folletos informativos e formularios normalizados en papel e en soporte electrónico en materia de desafiuzamento e lanzamentos, así coma a información existente sobre a organización, funcionamento e competencias dos servicios sociais. Así mesmo, elaborará un rexistro informático que permita o estudio estatístico das actuacións realizadas ao amparo do Convenio.

– A Xunta de Galicia facilitará, a través da Consellería de Traballo e Benestar Social información sobre os programas e servicios de asistencia social e comprométes a dar unha resposta inmediata e unha tramitación urxente ás solicitudes remitidas polos Xulgadosw e a comunicar a resolución que poña fin ao expediente.

– A FEGAMP promoverá entre os seus asociados o convenio buscando a súa colaboración para a execución dos compromisos que recolle o convenio.

– Os Concellos establecen un protocolo de detección de situacións de vulnerabilidade, poñéendoos en coñe3cemento dos seus servizos de asistencia social.

Colectores para a recollida de aceites vexetais

Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a ordenación decrecente das ofertas presentadas para o outorgamento de ocupación de espazos de dominio público con colectores para a recollida de aceites vexetais domésticos. Procesadora Gallega de Alimentos foi a única das ofertas presentadas e admitidas no procedemento, polo que terá un prazo de dez días para presentar os documentos acreditativos correspondentes.

A oferta presentada pola empresa inclúe a instalación de 105 colectores no municipio, tendo en conta a distribución actual dos colectores. O obxectivo é aminorar o impacto medioambiental deste residuo, á vez que se crea un sistema de xestión integral de reciclado.

Os colectores disporán dun peche de seguridade para evitar a manipulación do interior, así coma un deseño que impida o seu traslado e mobilidade, ou a introducción doutros residuos non permitidos. Segundo datos da Concellería de Limpeza, cada ourensán produce 7 kg de aceites domésticos ao ano, o que supón a contaminación de 7.000 litros de auga.

O Consello Consultivo desestima dúas novas reclamacións patrimoniais derivadas da nulidade do PXOM

A Xunta de Goberno Local, na mesma xuntanza, desestimou dúas novas reclamacións patrimonias, á vista do informe do Consello Consultivo da Xunta de Galicia., quedando soamente dúas pendentes de resolver.

Financieira e Comunicacións SL, ve desestimada a súa petición de 37.584,04 euros por supostos danos producidos pola nulidade do Plan Xeral de 2003 na zona de Barrocás, así coma a empresa Colba SL, na rúa Bierzo que solicitaba unha indemnización por importe de 597.800 euros en concepto de responsabilidade patrimonial.

O Consello Consultivo ten pendente de emitir o seu ditame en dúas reclamacións. No momento no que se produza considerarase finalizada a primeira fase e os reclamantes teñen tres vías: considerar a súa petición desestimada, presentar un recurso de reposición fronte ao Concello de Ourense, para que a Xunta de Goberno volva a avaliar a seu caso concreto (téñense interpostos 11 recursos de reposición), ou recurrir á vía contencioso administrativa (son 8 os reclamantes que recurriron, ata o momento a esta vía).

A Xunta de Goberno aplaza para millor estudio o expediente sobre a prórroga do matadoiro municipal

A Xunta de Goberno aplazou para novo estudio o expediente de renovación do matadoiro municipal, en tanto que os Servicios Económicos consideran que a cantidade ofertada para a prórroga que solicita a empresa é insuficiente.

Dado que a Intervención municipal presentou un reparo suspensivo a este expediente, a Xunta de Goberno decidiu pospoñer a súa aprobación para o seu estudio.

No seu informe, os Servicios Económicos tiñan considerado que a cantidade ofertada pola concesionaria para a prórroga de cinco anos sería insuficiente para garantir “o equilibrio económico  concesional”, xa que, segundo os cálculos técnicos “resultaría equivalente a 252.625 euros, e fronte a estes cáculos “o adxudicatario só oferta 100.905 euros pola explotación do matadoiro ó longo dos cinco anos vindeiros”.

6 de xuño de 2013 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.