O Concello acorda solucionar a situación da parcela do cárcere e liberar os coruñeses de pagar 1,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Goberno municipal aprobou en Xunta de Goberno Local, en cumprimento da moción presentada no pasado pleno polo Grupo Municipal do Partido Popular e aprobada por unanimidade, propoñer á Dirección Xeral de Institucións Penitenciarias do Ministerio do Interior e á Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP) a resolución de mutuo acordo do convenio subscrito o 20 de outubro de 2005, negociando e formalizando un novo acordo coa Administración do Estado para dar solución á situación da parcela dotacional que actualmente ocupa o edificio do Centro de Inserción Social. Neste sentido, o Tenente de Alcalde de Facenda e Administracións Públicas, informou das propostas do novo convenio:

1. acordar a mutación demanial subxectiva da parcela onde se asenta actualmente o Centro de Inserción Social;

2. ou ben acordar a concesión demanial gratuíta da devandita parcela dotacional un máximo de 75 anos e para fins de dominio público;

3. e, por outro lado, solicitar a reversión gratuíta a favor do Concello da parcela do cárcere.

Rosa Galego explicou que, a diferenza entre unha mutación demanial e unha concesión demanial é que, no primeiro caso, a parcela terá que manter os mesmos usos que ten agora e, no suposto de incumprimento, determinaríase a reversión do edificio; e, no segundo, a parcela cédese simplemente o uso por un máximo de 75 anos, sempre para fins de dominio público.

Rosa Galego subliñou que a aprobación deste novo convenio “dará solución á situación da parcela rotacional e liberará o Concello de pagar ao Estado 1.122.772 euros que o Goberno municipal se comprometeu a aboar en 2005”. Neste sentido, recordou que o devandito convenio é “lesivo” para os coruñeses, xa que o Concello cedeu en 1925 ao Estado os terreos nunha escritura que recollía que os comprara para cedelos ao Estado para construír un cárcere. En 2005, durante a etapa socialista, en lugar de solicitar a reversión, o Goberno municipal volveu pagar polo que no seu día xa pagara e cedido pola cidade para un fin concreto. “O Goberno socialista negociou con Institucións Penitenciarias unha permuta cunha valoración na que sae a pagar aos coruñeses máis de 1,2 millóns de euros”, destacou Rosa Galego. E é que tal e como denuncia a responsable municipal, o PSOE valorou en 2005 o chan do cárcere en 1,7 millóns de euros, un chan que o Concello xa pagara para cedelo: “É dicir, o PSOE pretendía que os coruñeses pagásemos dúas veces polo mesmo chan. Pola súa banda, o BNG, durante os catro anos que gobernou, non esixiu nin formulou a modificación dunha soa coma no convenio”.

A responsable municipal informou de que, ademais, o Goberno local aprobou, en caso de non chegar a un acordo coa SIEP para modificar o convenio nos termos mencionados, iniciar un expediente de revisión de oficio do anterior convenio asinado en 2005 por ser prexudicial para os intereses municipais. O convenio de 2005 asinouse prescindindo absolutamente do procedemento legalmente establecido, obviando os controis xurídico e económico. O convenio comprometía gasto para o que non existía crédito no presuposto e gasto de exercicios futuros cuxa autorización é de competencia plenaria, sen informes previos, entre eles de asesora xurídica e do interventor.

ACTIVIDADES FÍSICO DEPORTIVAS

Ademais, a Xunta de Goberno deu luz verde á contratación da xestión do servizo de actividades físicas e deportivas, mediante modalidade de concesión, cun presuposto que ascende á cantidade de 658.689,67 euros anuais.

“O fomento do deporte e a súa universalización é un dos grandes retos deste Goberno municipal. A aposta por mellorar as nosas escolas deportivas foi fundamental, mantendo o prezo das tarifas das matrículas e mellorando a diversidade das actividades e a súa calidade con controis de seguimento. De feito, a pesar do aumento de oferta doutras instalacións, experimentamos un incremento de case un 8% no número de matriculacións respecto a 2010, ata un total de case 3.000 prazas ocupadas,” explicou Galego.

En concreto, o contrato outorgarase por procedemento aberto con diversos criterios de adxudicación que corrixen moitas das deficiencias do prego anterior: “Agora teremos marco legal ao que referirnos. Defínense obxectivos para cada grupo e adóptanse novas denominacións para facelas máis atractivas. Ademais, regúlase a atención á minusvalidez e inclusión social cunha convocatoria pública a entidades que desexen integrar as súas actividades físico – deportivas nas Escolas Deportivas Municipais. Na devandita solicitude poderán incluír a petición de profesorado para impartir as devanditas actividades, sempre e cando a entidade non dispoña deses recursos humanos”, explicou Galego e engadiu: “Regúlanse tamén no prego as actividades non ordinarias, de forma que a adxudicataria terá que cubrilas por enteiro,”

Así, no novo prego, as actividades físico-deportivas a realizar nas Escolas Deportivas Municipais, clasificaranse en función do público ao que van dirixidas:

– Escolas de iniciación Deportiva

1. EducaDeporte: dirixido a alumnos dende os 3 ata os 7 anos, co obxectivo de desenvolver as bases psicomotrices para a educación física dos menores así como as habilidades e destrezas do seu movemento.

2. MiniDeporte: dirixido a alumnos de 8 e 9 anos, etapa na que se pretende a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades xenéricas nos alumnos.

3. Deporte: dirixido a alumnos de 10 anos en diante, etapa na que se pretende o inicio e afianzamento na aprendizaxe de habilidades específicas dun determinado deporte.

4. Programa de Natación Escolar: dirixido a alumnos de ata 9 anos para iniciar a natación. Inclúe o servizo de transporte, acompañantes, coidadores e profesorado

– Escolas de Actividade Física para Adultos.

1. Alumnos entre os 18 e os 65 anos: os obxectivos fundamentais da oferta da actividade física para adultos nesta idade é crear os hábitos necesarios para cumprir coas recomendacións da OMS para esta franxa de idade.

2. Alumnos maiores de 65 anos. Os obxectivos fundamentais da oferta de actividade física para adultos nesta idade é crear os hábitos necesarios para cumprir coas recomendacións da OMS para esta franxa de idade.

– A actividade física como atención á minusvalidez e inclusión social.

Na proposta técnica, os licitadores deberán acreditar a viabilidade técnica das súas ofertas mediante a presentación dun programa anual de actividades. Tamén se valorará a oferta económica e concretáronse algunhas melloras como a achega de material funxible por un valor de ata 6.000 euros anuais ou a realización dunha campaña de comunicación anual durante o mes de setembro.

O contrato terá unha duración de catro anos prorrogables por outros dous máis ata un máximo de seis anos.

PLAN DE COMPETITIVIDADE TURÍSTICA

Por outro lado, a Xunta de Goberno Local aprobou para a súa posterior firma o convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña para o financiamento do Plan de Competitividade Turística. Ano 2013. O proxecto ten un importe 262.500 euros, dos que o 80% -210.000 euros- os asumirá o ente provincial, e o resto -52.500 euros-, serán achegados polo Concello.

En concreto, este convenio financiará a organización dun Concurso de Tapas, así como a campaña promocional e a campaña de San Juan. “Presentamos o programa máis completo da historia da cidade, que se estenderá dende o 15 e ata o 24 de xuño, convertémonos nun referente nacional e internacional e o noso próximo obxectivo é que a nosa festa por excelencia o sexa tamén de Interese Turístico Internacional. Para a consecución deste obxectivo, a promoción é fundamental”, destacou Rosa Galego quen recordou algunhas das campañas que se están a levar a cabo para dar a coñecer a festividade como unha campaña online cun importante portal turístico en Reino Unido, Portugal e España, a presenza en feiras, a creación de diferentes informes e a inclusión en publicacións como a revista #coruñasemueve, a presenza en redes sociais ou a través de newsletter, ou a elaboración dunha páxina web www.corunaespiritudefuego.com.

LICENZAS URBANÍSTICAS
Ademais, esta mañá aprobouse a concesión de 11 licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 326.933,24 euros, o que eleva a cantidade final dende o inicio do mandato ata os 233,5 millóns. Entre os expedientes tramitados, destaca a autorización para instalar ascensores en dous inmobles (nas rúas Baltasar Pardal e Sofía Casanova).

14 de xuño de 2013 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.