O Concello achegará 200.000 euros á Asociación de Fútbol Afeccionado para fomentar o deporte base
O Concello da Coruña, dentro da filosofía municipal de fomentar o deporte base entre os máis novos, aprobou esta semana na Xunta de Goberno Local a firma dun convenio coa Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) por un importe de 200.000 euros. Con esta subvención, a Concellaría de Deportes colabora coa AFAC na organización das súas actividades, unha programación coa que ofrece unha alternativa deportiva a máis de 5.000 nenos e nenas da cidade.
O Concello aumentou este ano a axuda, que alcanza os 200.000 euros, fronte aos 180.940 euros de 2012. En dous anos de mandato, o actual equipo de goberno apuntalou o seu compromiso co deporte base a través da Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña ao destinar 460.940 euros a esta entidade que traballa para que o deporte siga sendo un elemento fundamental na formación dos máis novos. Neste sentido, tanto o Concello coma os 29 clubs que integran esta asociación colaboran en actividades que fomentan valores tan importantes como o compañeirismo, a convivencia, o traballo en equipo e o respecto aos demais, ademais de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral.











