O cómico Pedro Brandariz presentará en Brión o seu monólogo “Profundizando na Galiza profunda”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónCalendarioLocal
A-
A+

O cómico Pedro Brandariz protagonizará mañá venres 14 de xuño unha nova xornada dos “Monólogos na Carballeira”, un novo programa cultural posto en marcha este ano polo Concello de Brión. Unha actuación que terá lugar na sala de exposicións municipal a partir das 20.30 horas. A entrada é totalmente libre e de balde.

Brandariz presentará en Brión un dos seus monólogos máis aplaudidos: “Profundizando na Galiza profunda”, no que analiza a vida dos galegos en canto á súa cultura, o seu idioma, as súas expresións e … a familia. Dende o “guapo, guapo non é pero ten un pelaso”, ata o “ghastas pista?”, pasando polas manías dos pais e as obsesións das avoas, ata chegar aos chistes máis galegos.

Escola de música

Tres horas antes, ás 17:30 horas, o alcalde de Brión, Xosé Luís García, presidirá o acto de clausura do curso 2012-2013 da Escola de Música Municipal “Magariños”. Un acto no que Xosé Luís García entregará os correspondentes diplomas acreditativos aos case setenta alumnos  e alumnas participantes neste último curso.

A clausura terá lugar no salón de actos do centro social polivalente e contará cunha actuación musical consistente nunha selección de repertorio coral a cargo de alumnos e alumnas da sección “Conxunto coral”. A entrada é totalmente libre e de balde.

13 de xuño de 2013 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.