O Coliseo da Coruña acolle en agosto unha actuación de “Cantajuego”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCalendarioLocal
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá o espectáculo A Divertirse, que Cantajuego traerá a cidade no mes de agosto: “O grupo Encanto regresa con Cantajuego para divertir coas súas cancións e coreografías ás familias coruñesas nun recinto, o Coliseo, que xa lles resulta familiar”, sinalou a concelleira.

Tal e como explicou Ana Fernández, “Cantajuego é unha aposta segura” xa que venderon máis de 1,2 millóns de copias e 800.000 persoas viron os seus espectáculos. A concelleira recordou que Cantajuego xa visitou en dúas ocasións o Coliseo, en 2009 e en 2011, con grande éxito de público. Esta vez, Cantajuego visitará a cidade un par de meses despois de sacar o noveno volume da súa colección de traballos, xa que se publica o próximo 18 de xuño.

A concelleira avanzou que se poñerán á venda un total de 4.000 localidades para o espectáculo A Divertirse, que propón novas cancións, personaxes e a diversión que lle valeron converterse na proposta musical familiar preferida por pais e nenos: “Cantajuego é un claro exemplo do tipo de actividades que dende a concellaría de Cultura nos gusta programar para os máis pequenos”, destacou Fernández e engadiu: “Combina perfectamente o xogo e a diversión cun gran traballo didáctico”.

A responsable de Cultura reiterou o valor que o Goberno local lle dá aos nenos e nenas á hora de deseñar o seu calendario de actividades: “Nos dous últimos anos as festas desta cidade están pensadas para todos os públicos, tamén para o familiar.

Aumentamos a oferta de ocio para nenos co fin de que se sintan implicados, deseñando actividades que estimulan a súa mente, a súa creatividade, o seu desenvolvemento motora e que tratan de potenciar as súas habilidades para que aprendan divertíndose. En San Juan, sen ir máis lonxe, dedicámoslles un día enteiro, ademais doutras propostas, recordou.

A cita con Cantajuego será o sábado 10 de agosto ás 17.00 horas no Coliseo e o prezo das entradas, que xa están á venda a través das canles habituais, vai dos 12 aos 28 euros. “Animo as familias coruñesas e ás que nos visiten durante o mes de agosto a que se sumen a este divertido espectáculo”, finalizou.

7 de xuño de 2013 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.