O Club San Francisco dos Tilos e o Concello de Teo celebraron a I Xornada de Kumite de alta competición

Práctica de Kumite
O Club San Francisco Teo dos Tilos e o Concello de Teo continúan colaborando na promoción do deporte e na formación dos deportistas. Nesta ocasión veñen de por en marcha as I Xornadas de Kumite de Alta competición que trouxeron a Teo a dúas figuras destacadas desta modalidade, Javier Ferreira Vega e Óscar Martínez De Quel.
Estes dous adestradores estiveron no pavillón dos Tilos a pasada fin de semana e traballaron nunhas xornadas de formación para case 30 deportistas do club San Francisco. Ferreira é seleccionador absoluto de kumite feminino e adestrador no Centro de Alto Rendemento Deportivo en Madrid. Pola súa banda Martínez De Quel é preparador físico da Real Federación Española de Kárate, campión de Europa e do mundo de kumite e tamén adestrador no Centro de Alto Rendemento.
Para asistir a estas xornadas de traballo era preciso ter experiencia en competición e un nivel técnico ótimo para poder asimilar os contidos técnicos e tácticos traballados polo que finalmenten asistiron 27 deportistas do club teense con idades comprendidas entre os 12 e os 27 anos. Por categorías participaron dende a categoría xuvenil, cando comezan a competir na modalidade de kumite, ata a categoría sénior.
Tanto dende o club coma dende o Concello valórase moi positivamente esta experiencia novidosa nun ano no que se celebra en España o Campionato do Mundo do Kárate. O adestrador do Club San Francisco, Óscar Lafuente, destaca “o aproveitamento realizado das intensas sesións de traballo e a posibilidade de que os deportistas poidan recibir novos coñecementos”. Óscar destaca que este plus en formación é moi ben recibido de cara a poder pelexar por ter algún representante nese Campionato Mundial que se celebra en novembro en Guadalajara. Anxo Rei, edil de Deportes, destaca que o esforzo para o Concello “paga a pena e tamén supón un reforzo para a boa traxectoria que están amosando os deportistas do club”.











