O Circo do Sol vende máis de 11.000 entradas nunha semana para o espectáculo que ofrece no Coliseo
O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa de que o espectáculo Quidam, que O Circo do Sol trae á cidade en decembro, vendeu xa máis de 11.000 entradas en tan só a primeira semana.
A compañía ofrecerá un total de 7 funcións que se representarán entre os días 25 e 29 de decembro no Coliseo da Coruña, cumprindo, deste modo, un obxectivo perseguido dende a inauguración do recinto. En Quidam os espectadores poderán gozar de diferentes acrobacias e números de contorsión aérea, roda alemá, swing nas nubes, balanceo a mans, diábolos, malabares… a cargo dun elenco formado por 52 acróbatas, músicos, cantantes e personaxes. Para este espectáculo, o Coliseo terá que adaptarse ás esixencias escénicas e técnicas da compañía, polo que, co fin de garantir o axeitado desenvolvemento e visibilidade do evento, o Coliseo contará cun aforamento dunhas 5.000 persoas.
O prezo das entradas vai dos 33 aos 69 euros no caso dos adultos e de 27 a 56, aproximadamente, no caso dos nenos. Pódense adquirir a través de Servinova, Ticketmaster e El Corte Inglés.











