O CIM achega a Ortigueira o espectáculo “O mundo segundo Rosalía” da Sociedade Cultural Medulio
O Centro de Información á Muller de Ortigueira sumarase este fin de semana, da man do Grupo de Teatro da Sociedade Cultura Medulio de Ferrol, á homenaxe que durante o 2013 se rende á poetisa por antonomasia das letras galegas, Rosalía de Castro. O Teatro de Beneficencia acollerá o sábado o espectáculo “O mundo segundo Rosalía”.
Trátase dunha escenificación de poemas das obras Cantares Gallegos e Follas Novas a través dos que se pretende divulgar a visión do mundo e de Galicia que tiña a poeta, ademais de demostrar a vixencia actual de moitos dos seus textos.
No espectáculo, creado a Sociedade Cultural Medulio e programado para o sábado 8 de xullo ás 21 horas no Teatro de Beneficencia, poemas como “A xustiza pola man” ou “Soia” escenificado e conxugado con música aproximarán o público ortegano á gran descoñecida que segue sendo hoxe en día Rosalía.
“O mundo segundo Rosalía” concíbese para conmemorar o 175 aniversario do nacemento da escritora de Padrón e o 150 da publicación de “Cantares Galegos”, primeiro poemario escrito integramente en galego, fundamental para o proceso de recuperación cultural de Galicia. O espectáculo, dirixido a todos os públicos, será totalmente gratuíto.











