O ciclo música nos Tilos consolídase no seu cuarto ano cunha oferta variada e intimista
O Departamento de Cultura, dirixido por Carme Hermida, presenta un ano máis un ciclo de música nos Tilos que se consolida como unha proposta para o comezo do verán. Música nos Tilos comezou a realizarse no ano 2010 e no cuarto ano xa se pode considerar unha cita cultural no calendario do Concello.
Nos concertos programados inténtase recoller variadeda pero polo propio formato dos concertos, no interior da Casa Común dos Tilos, teñen un punto intimista. Este ano Música nos Tilos ten no seu cartel a aCadaCanto, a Sergio Tannus Trío e a Narf. Tres propostas diferentes con puntos de encontro como a estreita relación dos artistas coa lusofonía.
As actuacións serán os venres 7, 14 e 28 de xuño na Casa Común dos Tilos ás 22:30 horas. Abre o ciclo aCadaCanto a proposta de catro referentes da música galega: Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero. Trátase de catro persoas que levan anos coincidindo nos escenarios formando parte doutros proxectos. Guillerme e Xabier son membros de Berrogüetto, grupo no que anteriormente cantaba Guadi; Xabier contou con Xosé Lois e con Guillerme no seu “Músicas de Salitre”; Guadi e Guillerme son “Espido” e Xabier e Guillerme publicaron xuntos “Arrolos de Salitre”. En aCadaCanto conflúen todos os traballos anteriores no seu primeiro proxecto común.
O venres 14 chega ós Tilos Sergio Tannus Trío, un dos músicos máis virtuosos da safra brasileira. No seu novo disco “Son Brasilego” conta coa compaña dos seus inseparables compañeiros tamén brasileiros Serginho Sales e Paulo Silva.
Narf pechará este ano o ciclo Música nos Tilos. Trátase dun dos cantautores galegos máis rockeiros. É compositor e intérprete e reparte o seu tempo entre a composición por encargo e o teatro. Compuxo máis de 30 bandas sonoras para teatro, filmes, documentais…e ten recibido numerosos premios nesta faceta profesional.
A entrada ós concertos é de balde e o acceso está limitado polo aforo. Dende a Concellaría de Cultura animan ós asistentes a facer unha colaboración co Banco Veciñal de Alimentos (alimentos non perecedeiros), que poden depositar no local o mesmo día do concerto.











