O CEIP Nétoma-Razo gaña o concurso escolar de reciclaxe de aceite usado “Carballo tamén en botella”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal
A-
A+
Entrega de premios do concurso "Carballo tamén en botella"

Entrega de premios do concurso “Carballo tamén en botella”

Representantes dos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria do municipio, agás o Artai e incluíndo o CEIP Canosa-Rus, veñen de recoller os diplomas acreditativos e os premios do concurso “Carballo tamén en botella”. Esta iniciativa promovida por Reave (Recollidas de Aceite Vexetal ) SL, que tivo lugar entre o mes de xaneiro e o 31 de maio de 2013, ten como obxectivo principal fomentar entre os nenos e nenas criterios de prevención na xeración de residuos no seu día a día e na súa contorna, ao mesmo tempo que implicalos na cultura da reciclaxe. Durante varios meses os alumnos e alumnas estiveron depositando botellas de aceite usado nos seus centros, e despois de ser contabilizadas, resultou gañador o centro que acadou a ratio máis elevada de aceite por alumno/a ao final da campaña. O primeiro premio foi un lote de material escolar e lote de libros que recaeu no CEIP Nétoma-Razo con 460 litros recollidos e unha ratio de 4,1. O segundo premio foi un lote de libros que conseguiu o CEIP Gándara-Sofán con 373 litros e unha ratio de 3,8. Todos os participantes recolleron, ademais, un diploma acreditativo por colaborar coa iniciativa. En total a campaña supuxo recoller un total de 2.895 litros de aceite, superándose as expectativas de Reave, que esperaba que fosen arredor de 2.500. A empresa continuará cunha nova edición da cita o próximo curso.

7 de xuño de 2013 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.