O Castro International School inaugurou oficialmente o novo centro educativo en Cela

Inauguración do Castro International School
Esta mañá foron inauguradas as instalacións do colexio O Castro International School en Cela (Mos), o primeiro colexio británico de Galicia.
Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, descubriu a placa conmemorativa.
Tamén asistiron os demais membros, concelleiros e concelleiras, do equipo de goberno local, o xefe territorial de Educación e Pontevedra, César Pérez Ares, a Presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro, a deputada provincial, Marta Iglesias, xunto con veciños e veciñas da parroquia de Cela.
Na inauguración estiveron presentes numerosas personalidades do mundo empresarial vigués entre os que se atopaba o Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, o Director Executivo da Axencia Europea de Pesca, Pascual Savouret, e o Director do Club Financeiro de Vigo, Jesús Bahíllo.
Asistiron tamén persoeiros do mundo da educación privada en España como Javier Hernández, Director Xeral de ACADE (Asociación de Centros Autónomos de Ensino Privado de España), Francisco Corbí, membro da executiva de NABSS (Asociación Nacional de Centros Británicos de España) ou.José Varela (Presidente de ACADE en Galicia, Presidente dos Centros de Bacharelato Internacional da España e Presidente de CESUGA, Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, adscrito á Universidade de Dublín).
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “este novo centro de estudios supuxo a creación de novos postos de traballo, que foron na súa maioría ocupados por veciños e veciñas de Mos, nuns momentos nos que o desemprego afecta a numerosas familias de Mos. Ademais O Castro International School é o único colexio internacional de Galicia e un dos poucos existentes en España, contando coa convalidación de estudos americana, co prestixio e o acento diferenciador que este dato lle confire á localidade mosense por contar no seu territorio con tan excepcional centro educativo. Con este, Mos suma xa a decena de centros educativos entre públicos e privados, e un total de preto de 3.000 alumnos escolarizados no termo municipal mosense”, declarou a rexedora local.
O Castro International School supón un enriquecemento da oferta educativa en Galicia ao ser o primeiro colexio internacional da comunidade autónoma. Segue o currículo británico dende os 3 anos (nursery) ata os 17 (Year 13, equivalente a segundo curso de Bacharelato). Os alumnos son admitidos dende os primeiros anos, debendo superar unha proba de inglés no caso de nenos maiores non estranxeiros.
O Castro International School supuxo unha moi boa noticia para Mos, xa que creou postos de traballo directos e indirectos, tal e como salientou a alcaldesa, e é un referente para o municipio. Ademais, os mosenses poderán beneficiarse de actividades ofrecidas polo colexio como cursos de inglés para adultos ou campamentos de verán.











