O borrador da ordenanza de telecomunicación deberá adaptarse á nova lei que vén de publicar a Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVilagarcía de Arousa
A-
A+

A portavoz do grupo de goberno e promotora da Ordenanza Municipal Reguladora dos Equipos de Telecomunicacións no Concello, Rocío Llovo, mantivo este mediodía a primeira reunión cos voceiros da oposición para traballar na proposta da normativa elaborada polo goberno e os técnicos municipais co obxectivo de acadar o maior consenso. A edil informou na reunión da recente entrada en vigor dunha lei autonómica sobre telecomunicacións que obriga ao Concello a adaptar a súa norma á lei de maior rango.

Á xunta de voceiros convocada para esta mañá asistiron, ademais da portavoz do goberno, as voceiras de PSOE e BNG. Ámbalas dúas recibiron copia da Lei 3/2013, do 20 de maio, de Impulso e Ordenación das Infraestruturas de Telecomunicacións de Galicia, promovida pola Consellería da Presidencia da Xunta e que se publicou no DOG o pasado 7 de xuño. A entrada en vigor desta lei obriga aos técnicos municipais a revisar a proposta de Ordenanza para determinar se é preciso introducir modificación para adaptala aos preceptos autonómicos.

Llovo recolleu as propostas realizadas por PSOE e BNG e comentou que unha vez que estas sexan informadas polos técnicos municipais e se realicen as consultas externas precisas, volverá a convocar á xunta de voceiros, para expoñer as conclusións e seguir traballando na redacción final da Ordenanza.

A proposta da Ordenanza sobre telecomunicacións redactouse en cumprimento do acordo plenario adoptado pola Corporación Municipal e que veu motivado por una moción presentada polo BNG. Ademais de cumprir o acordo, a concelleira Rocío Llovo comprometeuse a reunirse coa oposición para tratar de consensuar un texto que pretende regular unha materia no que practicamente carece de competencias. Malia isto, a Ordenanza atópase xa na fase de tramitación.

12 de xuño de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.