O Aquarium Finisterrae acolle a partir do luns a exposición ‘Fotógrafos da Natureza 2013’

Gañador absoluto, Tommy Vikars
A Concellaría de Cultura, a través dos Museos Científicos Coruñeses, anuncia que a sala Isabel Castelo del Aquarium Finisterrae acolle, a partir do próximo luns, 1 de xullo, a exposición Fotógrafos da Natureza 2013, que contén as imaxes galardoadas na última edición do concurso GDT European Wildlife Photographer of the Year.
Nesta edición do concurso presentáronse máis de 14.000 fotografías procedentes de 39 países europeos. Entre os 71 fotógrafos premiados, orixinarios de 16 países, encóntranse 11 españois, un deles, Cristóbal Serrano, gañador na categoría de mundo submarino.
Esta exposición recolle impresionantes imaxes que mostran a beleza do planeta e a importancia de preservala. Trátase dunha colección que inspira e alenta o interese por coñecer e defender a marabillosa natureza. O concurso European Wildlife Photographer of the Year iniciouse no ano 2000, promovido pola Asociación Alemá de Fotógrafos da Natureza (GDT nas súas siglas en alemán). Dende entón, o desenvolvemento, prestixio e crecemento do concurso foi extraordinario, traspasando as fronteiras europeas e alcanzando renome mundial.
O departamento municipal que dirixe Ana Fernández destaca que o obxectivo é mostrar a arte dos fotógrafos da natureza europeos grazas ás extraordinarias imaxes que anualmente presentan. Pero tamén pretende promover activamente o coñecemento da natureza e a militancia na súa conservación a través da fotografía, ilusionar aos cidadáns coa posibilidade de mostrar e defender o medio natural grazas á arte fotográfica.
FOTOGRAFÍAS GAÑADORAS EN CADA CATEGORÍA
Premio GDT European Wildlife Photographer of the Year
A fotografía gañadora do premio absoluto foi a titulada El que mira as estrelas, do finlandés Tommy Vikars, que describe así a imaxe: “No meu pobo hai dous irmáns que coidan e alimentan os cervos durante o inverno. Recibiron con agrado o meu interese por fotografar os cervos de cola branca nos seus comedeiros durante a noite. Enterrei a miña cámara na neve protexéndoa da humidade cunha caixa estanca. Manexábaa mediante un control remoto a 50 metros de distancia, dende o meu cálido escondedoiro. Para poder ver a escena axudábame doutra cámara cun obxectivo de 300 mm. Era extremadamente difícil ver o que acontecía no comedeiro mesmo incrementando a ISO e a exposición aos seus valores máximos. Realicei moitas fotografías, pero o normal era que durante o longo tempo de exposición os cervos se movesen demasiado rápido ou na dirección equivocada. Cando ao final contemplei esta imaxe na pantalla do ordenador rematei moi satisfeito co resultado”.
Aves
Encontramos aves en calquera lugar. Pero falamos pouco delas e non obstante teñen unha vida emocionante. Pensemos nas variadas expresións dos seus cortexos, a dinámica das migracións ou a frecuentemente drástica loita por alimentarse, sen esquecer os aspectos estéticos, cores e formas ou a elegancia do seu voo.
Gañadora: Misteriosa e reservada, de Markus Zadra, Italia.
Mamíferos
Nesta categoría búscase especialmente que as fotografías digan algo sobre o carácter ou a vida dos animais. Poden ser tanto retratos expresivos como imaxes sobre a súa vida e comportamento no ámbito no que habitan.
Gañadora: Teixugo no bosque ao atardecer, de Florent Cardinaux, Francia.
Outros animais
No ámbito pódense encontrar 50 veces máis especies de invertebrados que de vertebrados. Entre as especies menos populares, son os insectos e moluscos, os que mostran unha maior abundancia e variedade de formas e cores sorprendentes.
Gañadora: Nas areas do deserto, de Uwe Hasubek, Alemaña.
Eloxio das plantas
Esta categoría constitúe un eloxio ás formas e a beleza das plantas, así como á súa capacidade de adaptación aos diferentes lugares. As imaxes premiadas mostran un compromiso especial dos seus autores cos detalles, a iluminación e unha avanzada composición do conxunto.
Gañadora: No corazón da primavera, de Sébastien Lamadon, Francia.
Paisaxes
As fotografías desta categoría mostran a gran diversidade e beleza das paisaxes da Terra, dende as áreas cultivadas ou próximas aos fogares ata os lugares virxes das máis remotas rexións. Os fenómenos meteorolóxicos, a forza do vento ou da auga e o seu impacto no planeta constitúen temas moi populares entre os fotógrafos.
Gañadora: Bosque en inverno, de Lars Andreas Dybvik, Noruega.
Mundo submarino
As imaxes da vida submarina estaban inicialmente integradas noutras categorías deste concurso. Pero a diversidade de vida baixo a auga e a calidade e cantidade de imaxes que se recibían propiciou que dende 2004 constitúa unha categoría independente.
Gañadora: A persecución, de Cristóbal Serrano, España.
O home e a natureza
As imaxes desta sección invitan a reflexionar sobre o impacto das actividades da sociedade e as consecuencias destas, se ben en certas ocasións simplemente sorprenden e provocan un sorriso.
Gañadora: Supervivente, de Ferenc Somodi, Hungría.
Forma e composición
Esta categoría está aberta ás fotografías que tratan coas formas e as cores da natureza por enriba de fins de mera documentación. Son imaxes que non só mostran o punto de vista estético de cada fotógrafo, senón que poñen de manifesto atractivas aproximacións experimentais, tanto técnicas coma visuais.
Gañadora: Pés contentos, de Knut-Sverre Horn, Noruega.











